O Atletismo Deza fai un balance moi positivo da Carreira do Cocido
- ecosdacomarca

- 23 abr
- 3 min de lectura
Logrou incrementar as cifras dos últimos anos, mesmo no equipo de voluntarios, que
permiten a organización do evento, e que neste ano o grupo foi maior
Ecos da Comarca/Lalín
O Club Escola Atletismo Deza fai unha valoración moi positiva da celebración da Carreira do Cocido. Nesta edición inscribíronse 944 persoas, incrementando así os datos dos últimos anos que non chegaban aos 900. “Acadar esta cifra foi todo un logro, tendo en conta que se levaron a cabo varias probas deportivas nesta fin de semana”, detalla o
coordinador da Carreira e adestrador da Escola, Nacho Castro.

As cifras en todas as modalidades, mesmo nas carreiras escolares “son espectaculares”, e cabe destacar que mesmo o grupo de voluntarios “foi moito máis grande que os dos outros anos”. Logo de facer un chamamento ás familias e tamén aberto á cidadanía, o Club conseguiu ter cubertos todos os puntos e mesmo organizar un xantar para toda a familia do Atletismo coordinado polos pais e nais da Escola. “Foi unha xornada de gran celebración, é un dos días sinalados para o Club Escola porque conseguimos case estar todos xuntos”, destaca o adestrador.
Dende o Atletismo Deza agradecen "ao Concello de Lalín polo seu apoio a este evento; aos
equipos de Protección Civil e Policía Local, aos patrocinadores tanto do Club Escola como aos que apoian a carreira; aos voluntarios/as xa que sen eles non sería posible a organización dun evento tan grande; aos clubes CC Montes do Deza por estar facendo os percorridos un ano máis; ás familias dos/as atletas, que sempre están para todo o que se lles pide; e, por suposto, a todos os corredores que apostaron por esta carreira “que é unha das mellores carreiras populares que hai en Galicia”.
PUBLICIDADE
Para o Club, o ambiente foi inmellorable e a pesar de que “a calor xogou malas pasadas para os corredores, que os apertou un pouco”, o día “foi redondo”.
Campionato Absoluto de Combinadas
A Escola de Atletismo Deza volveu demostrar que o seu talento non entende de idades. A
pasada fin de semana, o club lalinense acadou un fito histórico ao proclamarse subcampión galego de clubs absoluto de probas combinadas, mellorando a medalla de bronce obtida na pasada edición e consolidándose na elite do atletismo autonómico.
O equipo, que tivo que competir contra os xigantes do atletismo galego, estivo composto por: Breogán García (17 anos); Beltrán Rivas (16 anos) e León Feijoo (15 anos).
Malia enfrontarse a atletas con moita máis experiencia e veteranía, os tres "combineros" do
Deza mantiveron a loita polo triunfo ata o último suspiro. A puntuación final, baseada na suma dos tres mellores representantes de cada entidade, situou aos de Lalín por riba de estruturas de primeirísimo nivel como o Atletismo Sada, o Real Club Celta de Vigo ou o Xuncas de Lugo. Só a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, único equipo galego na División de Honra nacional, logrou superar aos lalinenses nunha xornada de altísima intensidade.
PUBLICIDADE
Os tres representantes da Escola de Atletismo Deza completaron unha fin de semana brillante, logrando cadansúa mellor marca persoal (MMP) no cómputo total de puntos. Este
rendemento individual colectivo permitiu ao club dar un paso de xigante: de ser unha
referencia nas categorías de base a converterse nunha realidade competitiva no podio
absoluto de Galicia.
Este subcampionato chega nun momento doce para a entidade, que se atopa en plena conta atrás para a celebración do seu 25º Aniversario. Resultados coma este confirman que o traballo de base realizado en Lalín está a dar os seus froitos, situando ao atletismo local no mapa dos grandes clubs de Galicia.
Desde a directiva do club amosáronse "orgullosos e emocionados" pola entrega destes tres
atletas, que representan os valores de esforzo e proxección que definen á Escola de Atletismo Deza.








Comentarios