O alcalde de Rodeiro reclama á Deputación o desbloqueo da estrada Devesas-Carboentes-Arnego
- ecosdacomarca
- hace 10 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O alcalde de Rodeiro, José Luís Camiñas, remitiu o pasado 5 de novembro unha carta ao presidente da Deputación de Pontevedra para solicitar unha reunión urxente coa finalidade de desbloquear o proxecto da estrada que une As Devesas, Carboentes e Arnego, unha infraestrutura esencial para o municipio que leva tempo pendente de actuación.
Na súa comunicación, o rexedor ofreceu total disposición para manter o encontro onde, cando e como o presidente provincial estime oportuno, co único obxectivo de avanzar na solución dun problema que afecta directamente á veciñanza e á actividade económica do concello.

Camiñas lembra que o presidente da Deputación respondeu recentemente cun escrito referido á dispoñibilidade dos terreos, mais aclara que antes de abordar esa cuestión é imprescindible determinar que vías son de interese para unha posible permuta entre estradas provinciais e a estrada municipal de As Devesas–Carboentes–Arnego ademáis se necesitaría u n proxecto de tramo.
“É necesario falar con rigor e con visión de futuro. Primeiro debemos definir que tramos poden ser obxecto de intercambio entre a Deputación e o Concello, e logo abordar os trámites de dispoñibilidade dos terreos. O importante é que esta estrada se incorpore ao mantemento provincial, tal e como corresponde pola súa relevancia”, subliñou o alcalde.
O rexedor destaca que esta vía ten unha gran importancia tanto pola poboación que serve como polo tráfico que soporta, especialmente tráfico pesado, converténdose nunha infraestrutura clave para a economía local e para o acceso ás explotacións agrarias e gandeiras da zona.
Publicidade
Camiñas advirte que, se antes do 15 de novembro non se produce ningún avance nin resposta concreta por parte da Deputación, entenderase que non existe interese real en dar solución a este problema, o que suporía unha grave desatención ás necesidades dos veciños de Carboentes e Arnego.
Desde o Concello de Rodeiro, o alcalde manifesta a súa vontade de colaboración institucional coa Deputación de Pontevedra, pero tamén a súa determinación de defender os intereses de Rodeiro e dos seus veciños "fronte a calquera bloqueo político ou administrativo, por parte do presidente da Deputación e exalcalde de Rodeiro Luis López".



