"O alcalde de Dozón négase a conceder prazas na residencia para Dozón", sinala o BNG
- ecosdacomarca

- 16 oct 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón

O BNG denuncia "a falla de compromiso do alcalde de Dozón coas veciñas e veciños do
municipio, despois de que a Xunta confirmara oficialmente que o Concello tiña plena competencia para reservar prazas para os e as residentes en Dozón na futura residencia e centro de día para persoas maiores que se construirá neste concello". O BNG de Dozón, a través do seu concelleiro na corporación, Miguel Docasar, solicitou en repetidas ocasións, emendas ao prego de cláusulas administrativas na que demandaba a reserva deprazas para as persoas do concello. "Estas solicitudes foron rexeitadas polo grupo popular argumentando que non se podía incluír este tipo de cláusulas para ese fin".
PUBLICIDADE
Agora, nunha resposta parlamentaria á deputada do BNG, Ariadna Fernández González,
formulada hai uns meses, a propia Xunta indica que son os concellos beneficiarios do Plan destes fondos de inversións os que deciden o modelo de xestión e os criterios de acceso, incluíndo o de establecer prioridade para os habitantes onde se asenta o servizo. "Esta contestación desmonta as escusas do alcalde, que durante meses xustificou a súa negativa a garantir prazas para persoas de Dozón amparándose nun suposto ditado autonómico. A Xunta deixa claro que esa decisión dependía exclusivamente do Concello, perdéuse unha oportunidade de asegurar que as persoas maiores de Dozón poidan permanecer e ser atendidas no seu propio municipio e mesmamente que poidan regresar as que actualmente están sendo atendidas lonxe do seu entorno familiar e veciñal", salienta o Bloque.
PUBLICIDADE
"Hoxe sabemos que o Concello podía reservar ou preestablecer prazas para os veciños e
veciñas de Dozón, pero o alcalde decidiu non facelo. Está claro que primou os intereses da empresa adxudicataria e o lucro desta fronte aos intereses e servizos ofrecidos á veciñanza. É unha falta de vontade política e de respecto cara ás persoas maiores do noso municipio, que merecen ter prioridade nun servizo público financiado, en gran parte, con fondos públicos europeos", di Mario Vila, responsábel local do BNG.








Comentarios