O alcalde de Camba lamenta a falta dunha solución clara da Deputación na permuta da estrada municipal
- ecosdacomarca

- 5 oct 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O Concello de Rodeiro quere aclarar á veciñanza a situación creada arredor da proposta de permuta da estrada municipal que vai dende As Devesas ata a parroquia de Arnego.
"En primeiro lugar, cómpre recordar que nas reunións mantidas en Rodeiro co presidente da Deputación, Luis López, con motivo do anuncio da pista de pádel e da sinatura do convenio do centro de día, tanto o alcalde coma o tenente de alcalde trasladaron directamente esta preocupación. A resposta do presidente foi, porén, esquivar a cuestión, sen ofrecer unha solución clara", recalca o alcalde de Camba, José Luis Camiñas.

Na carta recibida o xoves, "o presidente indica que a estrada EP-6202, que comunica o lugar de Couso co límite coa provincia de Ourense, non pode ser obxecto de permuta ao tratarse dunha vía interprovincial. A única opción que se nos presenta é a EP-6203, que vertebra as parroquias de Negrelos e Pedroso", indica Camiñas. O Concello négase a aceptar esa proposta porque sinala que "suporía mellorar a uns veciños en detrimento doutros, xerando un agravio comparativo e un innecesario enfrontamento entre parroquias e tamén existen tres empresas mineiras con extracción de granito e necesitan unha vía de gran capacidade".
Así mesmo, o rexedor explica que "cómpre subliñar ademais que, nun período de seis meses, a falta de diálogo co presidente da Deputación que non convocou en ningún momento nin a representantes municipais nin a técnicos municipais para abordar unha obra de tal importancia. Non é de recibo pretender impoñer decisións sen diálogo nin colaboración co Concello, que é quen mellor coñece as necesidades do territorio, o Concello non quere e que os veciños se sintan utizados en ningún momento".
PUBLICIDADE

En canto ás expropiacións, cómpre aclarar que Rodeiro conta cun planeamento urbanístico que non contempla ampliacións de vías. Para poder executalas precisaríase un mínimo de dous anos para a modificación administrativa do planeamento, ademais do tempo necesario para levar a cabo o proceso de expropiación e a redacción do proxecto do tramo. "Estariamos a falar, como mínimo, de tres anos antes de poder poñer os terreos á disposición. Pola contra, a Deputación podería facelo de maneira máis áxil ao abeiro da Lei de Estradas, asumindo a tramitación correspondente. Iso si, o Concello comprométese a facerse cargo dos gastos de expropiación, para os que dispón de fondos nos seus remanentes municipais e os veciños de Carboentes e Arnego non poden esperar 4 ou 5 anos polas obras execudas", recalca o mandatario de Camba.
PUBLICIDADE
O Concello de Rodeiro mantén a súa disposición ao diálogo e á cooperación institucional, "pero defenderá sempre os intereses da veciñanza e reclamará que non se lles impoñan solucións inxustas que poidan dividir o noso territorio. Estaríamos dispostos a firmar convenios coa Deputación como se fai con Pontevedra e Vigo. Sen dúbida o importante para o concello de Rodeiro era que a Deputación levara a cabo o acordo plenario de marzo de 2024 que era a transferencia a Deputación de 18,7 kilómetros de estradas municipais que unían con outros concellos da contorna e poder dicir que o presidente da Deputación sería un Cambote de Pro".







Comentarios