top of page

O 112 Galicia xestionou máis de 370 incidencias relacionadas coa noite de San Xoán

Ecos da Comarca/Xeral

As asistencias sanitarias volveron ser a tipoloxía de intervención máis frecuente durante unha noite que transcorreu sen incidentes de especial gravidade. O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia rexistrou un total de 1.427 chamadas entre as 20:00 horas do día 23 de xuño e as 06:00 horas do día 24, relacionadas coas principais incidencias asociadas á celebración da noite de San Xoán. Estas chamadas deron lugar á xestión de 374 incidencias vinculadas a asistencias sanitarias, cuestións de seguridade cidadá, incendios, accidentes de circulación e operativos de rescate.

A actividade máis destacada ao longo da noite estivo relacionada coa asistencia sanitaria, cun total de 161 intervencións. Moitas delas estiveron motivadas por intoxicacións etílicas, desmaios e queimaduras producidas en fogueiras. Tamén foi significativa a actuación das forzas e corpos de seguridade, que interviñeron en 67 incidentes por pelexas, agresións ou por persoas con comportamentos agresivos ou alterados.


No ámbito dos incendios, foron numerosas as incidencias relacionadas con fogueiras descontroladas, lumes en colectores ou situacións semellantes. En todos os casos, as incidencias quedaron resoltas sen consecuencias de especial relevancia.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Por provincias, A Coruña foi a que concentrou o maior número de incidencias, con 194 intervencións, seguida de Pontevedra, con 121. Lugo rexistrou 38 incidencias e Ourense, 20.


En canto aos concellos máis afectados, A Coruña encabezou a lista cun total de 72 incidencias ao longo da noite, seguida de Vigo, con 27. Tamén destacaron Lugo, con 18 incidencias; Santiago de Compostela, con 8; e Ourense, con 7.


Entre as actuacións máis salientables da noite figuran varias intervencións sanitarias por queimaduras sufridas en fogueiras. Así, ás 00:17 horas, un menor resultou ferido na Coruña tras caer sobre unha cacharela, sufrindo queimaduras nunha man e nunha perna. En Arteixo, ás 01:35 horas, unha persoa foi trasladada ao CHUAC despois de sufrir queimaduras ao precipitarse nunha fogueira. Xa de madrugada, ás 04:27 horas, outra muller precisou asistencia sanitaria na Coruña ao caer nunha cacharela e quedar imposibilitada para camiñar.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Tamén se rexistraron diversas actuacións por fogueiras que se descontrolaron e requiriron a intervención dos servizos de emerxencias, con avisos en concellos como Noia, Arteixo ou Rianxo. Ningún destes incidentes derivou en situacións de gravidade nin en consecuencias relevantes.


En termos xerais, a noite de San Xoán desenvolveuse dentro dos parámetros habituais para unha celebración destas características, sen que se rexistrasen incidentes de especial gravidade.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page