top of page

O 061 de Galicia asistiu preto de 2.000 persoas por accidentes de tráfico ao longo deste verán

Ecos da Comarca/Xeral

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu 1.847 persoas por accidentes de tráfico durante o verán deste ano, desde as 15:00 horas do venres 27 de xuño ata as 23:59 horas do domingo 31 de agosto.


A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 1.852 chamadas en relación con sinistros na estrada. As chamadas de demanda por esta causa xeraron 1.427 asistencias sanitarias dos recursos asistenciais mobilizados pola Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 58 % e do 42 %, respectivamente. Respecto ás idades dos feridos, obsérvase que o 27 % das persoas atendidas tiña entre os 45 e os 59 anos.

ree

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 594 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.


Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 1.757. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 198 accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu en 16 ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 1.412 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 131 accidentes.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

En 1.558 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 266 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e 23 persoas faleceron no punto.


Como actuar ante un accidente de tráfico

Ante un sinistro na estrada, lembre aparcar o vehículo nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Antes de atender aos accidentados, adopte as medidas de seguridade axeitadas, para evitar poñer en perigo a súa vida.


Lembre utilizar roupa reflectora de alta visibilidade e sinalizar o lugar do accidente cos triángulos de sinalización ou as luces de emerxencia regulamentarios. Chame canto antes ao 061, deste xeito, os médicos da Central de Coordinación indicaranlle que facer e como actuar ante os posibles feridos, ao tempo que os recursos asistenciais do servizo de urxencias sanitarias se están a desprazar ata o punto do sinistro.


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A persoa ou persoas que se atopan no lugar poden ser de grande utilidade porque canto máis datos se faciliten, máis se axudará aos profesionais da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.


Facilitar o emprazamento exacto e correcto do lugar do accidente e precisar o estado dos feridos é fundamental para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios que dependerán da gravidade do sinistro. Así mesmo, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións. O 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano. Moitas lesións poden ser atenuadas e moitas vidas salvadas se reciben a asistencia axeitada.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page