Nova Alternativa de Vila de Cruces opina do pleno organizativo que se celebrará o luns
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O vindeiro luns celébrase o pleno organizativo de Vila de Cruces, polo que se fixan as pautas coas que se pretenden abordar a organización do funcionamento do concello na presente lexislatura. Ao respecto, Nova Alternativa quere fixar a posición que manterá no
debate das principais cuestións que se plantexan:
No que se refire ao réxime de adicacións o grupo de goberno propón un organigrama polo que se establecen tres adicacións, o máximo permitido por lei, coas seguintes cometidos para cada unha delas:
- Unha adicación a tempo completo, cun custe mensual de 1.600 euros, para área de Servizos Sociais, Deportes e Sanidade.
- Unha adicación a tempo completo, cun custe mensual de 1.600 euros, para área de Economía, Facenda, Xuventude, Educación, Participación veciñal e Presidencia.
- Unha adicación a tempo completo, cun custe mensual de 1.600 euros, para área Cultura, Festexos, Desenvolvemento Socio- cultural, Turismo, Comercio e Feiras.

"Queda, sen embargo sen adicación específica a área de Obras e Infraestruturas, cuxas competencias serán exercidas directamente pola Alcaldía, a quen non se asigna salario, enténdese que por incompatibilidade co que xa reciba por outros conceptos. Nembargante, e por todos coñecido, que nun concello como o de Vila de Cruces, polas súas características territoriais, a área de traballo que máis adicación necesita é precisamente a de vías e obras, que sobradamente xustifica a necesidade dunha adicación a tempo completo, dificilmente compatible coa asunción das tarefas de alcaldía", sinala Nova Alternativa.
A norma, indica, "limita a tres o número de adicacións a tempo completo que corresponden a Vila de Cruces. O sentido común indica que dstas tres, unha está pensada para a Alcaldía, outra para a área de Obras, mantementos e incluso Infraestruturas, e outra para o resto das áreas que poden precisar de adicación, podendo esta última fraccionarse en distintas adicacións parciais máis específicas. De non ser isto así, por darse a circunstancia de que as dúas primeiras competencias son asumidas por alguén que non vai recibir remuneración, nada xustifica que se propoñan igualmente tres adicacións exclusivas polo simple feito de que a lei o permite se non son necesarias. Nada impide que se esgoten as tres adicacións si se fai unha adecuada redistribución de competencias, pois entendemos que calquera dos compoñentes do seu grupo poden ser perfectamente competentes para exercelas, pero non nos parece adecuado da maneira que se plantexan".
Publicidade
No que se refire as retribucións por asistencias a sesións de órganos colexiados, estas mantéñense como na lexislatura anterior, que era como tamén xa estaban na que precedeu: 150 euros por asistencia a cada unha das catro Xuntas de Goberno Local que haberá cada mes (que cobrarán os concelleiros de equipo de goberno que non teñan adicación exclusiva), 85 euros por asistencia a plenos e 25 euros por asistencia a comisión informativa.
Neste eido Nova Alternativa propoñerá que se equipare a asistencia a cada Xunta de Goberno Local coa asistencia a cada pleno (150 euros), e que se fixe un mínimo de 50 euros por asistencia a comisión informativa.
"No que se refire a delegación de atribucións plenarias na Xunta de Goberno Local, dende Nova Alternativa consideramos que non corresponde, pois o resultado electoral determinou que o conxunto de grupos da oposición debe ter un papel determinante na resolución dos asuntos principais, polo que resultaría incongruente a súa delegación. No que se refire ao réxime de sesións do pleno da corporación, fixase nunha sesión ordinaria cada dous meses. Dende Nova Alternativa cremos necesario unha sesión ordinaria cada mes, no caso de que, como plantexamos, o pleno manteña as súas competencias, permitindo axilizar a resolución dos asuntos sen retrasar o seu debate".









Comentarios