Máis dun cento de prazas de Policía Local en 30 concellos, entre eles Melide e Silleda
- Laura Moure
- hace 5 minutos
- 3 Min. de lectura
Trátase da oposición unificada centralizada na Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública con maior número de vacantes para esta categoría
Laura Moure/Melide/Silleda
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica onte a convocatoria de 134 prazas para os corpos de Policía Local de 35 concellos galegos, das que 102 son por oposición libre e as 32 restantes por provisión de mobilidade. Estas últimas van destinadas aos policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso e de conformidade cun baremo de méritos. Trátase da convocatoria de prazas máis numerosa, da que destacan con máis vacantes a cubrir as cidades de Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña, con máis dunha vintena en cada caso.

Trátase dunha nova oposición unificada da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que o ano pasado permitiu cubrir un cento de vacantes. De feito, correspóndense co alumnado da 17ª promoción da Policía Local que actualmente se está a formar na Academia desde o pasado febreiro para finalizar en outubro e que desde esta semana e durante os meses de verán realizan prácticas nos seus concellos.
O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.
A oposición libre contará con 5 exercicios: un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado que se prevé celebrar no mes de setembro xunto coa proba de coñecementos do idioma galego, salvo para as persoas que estean exentas. O proceso continuará coas probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal) e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na Agasp, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia.
Publicidade
Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades son A Coruña, Ames, Arteixo, Betanzos, Camariñas, Coristanco, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Noia, Santiago de Compostela e Teo, na provincia da Coruña; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Meaño, Nigrán, O Grove, O Rosal, Poio, Ponteareas, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; os concellos lucenses de Burela, Foz, Lugo e Viveiro e os ourensáns de Barbadás e Ourense.
Proceso de selección unitario
Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local coa selección neste período de máis dun milleiro de policías galegos mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, 101 deles -incluídas as sete cidades galegas - encomendan á Academia a selección dos seus axentes, o que supón máis do 80%.
Publicidade
Ademais da convocatoria para a categoría de Policía Local, xa rematou o proceso selectivo para o acceso a 95 prazas de postos de auxiliares de Policía Local de 31 concellos galegos.
Centro de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.
Comments