top of page

Máis de 3.700 citas e resultados xa tanxibles marcan as mesas de negocio de Turexpo e Salimat

A cita será 4 ao 7 de xuño en Silleda

Laura Moure/Silleda

O XV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e o 29º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, celébranse desde o xoves e ata o domingo no marco da 48ª feira Abanca Semana Verde de Galicia. Dentro da súa vertente máis profesional estes certames acolleron durante os dous primeiros días máis de 3.700 reunións nas súas mesas de negocio. Nelas máis de 290 empresas e entidades mostraron as súas propostas a 63 operadores alimentarios e turísticos de 21 países distintos.

Así, o Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, celebrou a súa recoñecida Bolsa de Contratación, a cal, co apoio da Axencia Turismo de Galicia, volveu converterse nunha efectiva plataforma comercial para o sector coa celebración de máis de 2.500 reunións. Nelas 160 empresas puideron mostrarlles as súas propostas a 32 operadores turísticos de, finalmente, doce país, dous máis que o ano pasado, os cales son Alemaña, Brasil, EE.UU, España, Irlanda, Finlandia, Indonesia, México, Portugal, Polonia, Reino Unido e Suíza. Na súa maioría tratábase de axencias tradicionais ou de “incoming” (axencias de receptivo especializados en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados) que buscaban propostas diversas, desde turismo gastronómico ata sostible ou educativo, destacando nesta ocasión os interesados en turismo activo, de natureza e, sobre todo, turismo relixioso e Camino de Santiago. Unha notable presenza a destes últimos na que a organización da Bolsa tivo moi en conta a celebración do Xacobeo 2027.


Estes operadores turísticos expresaron á organización a súa grata sorpresa por realizar tantos contactos de interese nunha feira como Turexpo, fronte a eventos de maiores dimensións nos que, a pesar do seu tamaño, ou precisamente polas súas dimensións, non son tan efectivos neste sentido. Un aspecto que se repite nos últimos anos. En canto ás empresas participantes na Bolsa, destacaron que as súas expectativas de negocio son altas e agradeceron á feira a posibilidade de contar cunha plataforma de negocio destas características.


Pola súa banda, o Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, acolleu os seus Encontros Internacionais de Compradores, un espazo que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países. Neles leváronse a cabo preto de 1.200 reunións nas que máis de 130 empresas mostraron os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de quince países, como son Austria, Bélxica, Canadá, Colombia, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Irlanda, México, Panamá, Reino Unido, República Checa, Romanía, Suíza e, como debutante, Honduras.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O peso dos compradores internacionais aumentou nesta edición respecto ás anteriores. Así, deles, vinte e seis eran importadores e os restantes, compradores nacionais, correspondéndose con cinco importantes cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés, Lidl e, por primeira vez, Grupo Cuevas.


As opinións expresadas polos compradores coinciden en que os produtos presentes son eran moi interesantes e de gran calidade, recibindo a organización un feedback moi positivo. Pola súa banda, tanto grandes empresas cuxa intención é exportar a outros países como pequenos produtores, mostráronse satisfeitos. En canto a estes últimos mostráronse moi compracidos por poder reunirse con perfís da distribución alimentaria nacional moi atractivos, como responsables de compras. Unha satisfacción por unha e outra parte que tivo como resultado un número de negocios xa pechados en feira tan alto que é moi pouco habitual neste tipo de encontros.


Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2026, que se converteron unha vez máis nunha eficaz ferramenta de venda, contaron co apoio do

Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración da Agrupación

industrial Alimentaria de Galicia.


Fam trip

A estas mesas de negocio engádese unha pequena viaxe de familiarización no que participará a maioría de operadores turísticos asistentes á Bolsa de Contratación de

Turexpo Galicia e tamén algúns dos compradores que acoden aos Encontros Internacionais de Salimat Abanca.


Comezará esta tarde cunha visita ao Pazo do Faramello, situado sobre o canón do río Tinto, no lugar de Faramello municipio de Rois. Xa mañá coñecerán Cambados, onde terán a oportunidade de acudir ao Pazo de Fefiñás & Gil de Armada e tamén ao

xardín da Fundación Manolo Paz. Logo acudirán á adega Terras de Asorei, no concello de Meis, onde comerán, e finalmente descubrirán o Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xardín de Excelencia Internacional, situado en Ribadumia. Finalmente, o domingo visitará Santiago de Compostela e a súa catedral.


Por outra banda, levouse a cabo o XXVIII Monográfico Porcino, no que diversos expertos abordaron a evolución do sector porcino a nivel internacional, a situación actual en España, a economía deste ámbito en tempos de peste porcina africana e, nunha mesa redonda, os horizontes e retos do porcino galego.

Ademais, celebráronse outras conferencias baixo os títulos “O afumadoiro como laboratorio: redes de sensores para a vixilancia continua da secado-maduración e a

redución de HAPs en chourizo galego”, “O reto do traballador no agro galego: oportunidades e solucións para o futuro do sector” e tamén “Aplicación de estratexias

innovadoras no ámbito vitivinícola” e “Impulso á dixitalización e sustentabilidade no

sector agrogandeiro”, presentándose nestas dúas últimas oito proxectos innovadores

centrados nos sectores vitivinícola e agrogandeiro.


Sumáronse outros encontros e reunións técnicas, como a asemblea da Federación de

Razas Autóctonas de Galicia (Boaga).


Así mesmo, continuaron en Salimat Abanca diversas sesións orientadas a profesionais, con cociña en vivo. Entre elas, a sesión da aula de Catas da Consellería do Mar, titulada “Galicia saber Amar. Ribeira Calidade: lirio e sardiña da OPP 83”, á que acudiron os importadores e distribuidores alimentarios presentes nos Encontros de Compradores Internacionais de Salimat.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Tamén este mediodía concluíron estas mesas de negocio de Salimat Abanca e as de Turexpo Galicia, as cales conxuntamente celebraron con éxito máis de 3.700 reunións

con 63 compradores alimentarios e operadores turísticos de 21 países.


Por outra banda, tendo en conta os días lectivos nos centros de ensino, realizáronse

distintas actividades divulgativas e formativas para escolares, como demostracións de agility, mostra de pegadas de especies cinexéticas ou talleres de pintura en Fecap

Abanca, proxeccións interactivas sobre o porco celta na área gandeira ou talleres de

cociña en Salimat Abanca, entre outras.


As actividades máis lúdicas, a partir de hoxe

Abanca Semana Verde 2026 pon en marcha mañá o seu programa orientado a todos o públicos, o cal se estenderá ata o domingo e incluirá desde competicións caninas ou exhibicións ecuestres ata shows de motor ou máis diversidade de showcookings, catas e tanto exhibicións como degustacións de numerosas festas de interese turístico galegas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page