Máis de 140 organizacións e 90 cadeas humanas en cinco continentes únense na defensa da agua
- ecosdacomarca

- 9 ago
- 2 Min. de lectura
A asociación “Plataforma mina Touro O Pino NON” tamén se suma a este acto
Ecos da Comarca/Arzúa
A asociación “Plataforma mina Touro O Pino NON”, por terceiro ano consecutivo, súmase en múltiples cadeas humanas para levar a cabo o Abrazo á Auga, "un evento pacífico, pero ao mesmo tempo é unha firme reivindicación ante os gobernos para esixir que asuman as súas responsabilidades e adopten medidas urxentes para abordar as causas que están a afectar gravemente ás augas dos nosos ríos, fontes, mares, humidais, todos os ecosistemas acuáticos, porque todas as augas son o mesmo auga, todos os ríos son o mesmo río e todos os mares son o mesmo mar", sinala o colectivo.

Ademais, explica que este é un "acto simbólico, pero cheo de forza, que busca visibilizar a necesidade urxente de tomar medidas en orixe para a protección das augas; a “Plataforma mina Touro O Pino Non” denunciamos por terceiro ano a contaminación dos ríos e destrución de humidais ocasionada pola acción destrutiva da minería e esiximos a restauración, defensa, conservación e protección do río Ulla, dos seus afluentes e ecosistemas, mediante a creación de instrumentos de planificación e ordenación do territorio reais e efectivos, ameazados polas constantes agresións ambientais e os proxectos contaminantes que cada día contribúen á súa destrución".
Publicidade
"O Abrazo á Auga permitiunos sensibilizarnos e solidarizarnos con outras comunidades defensores da auga en todo o mundo. Agradecemos profundamente a todas as persoas, asociacións, colectivos e plataformas que fan posible este evento histórico, con cadeas humanas que se realizarán nos cinco continentes e en ambos os hemisferios. Este ano o
Abrazo á auga unirá a máis de 140 organizacións e 90 cadeas humanas comprometidas na defensa dos océanos, mares, ríos, lagoas, fontes, humidais e outros ecosistemas acuáticos, unindo forzas para enviar unha mensaxe clara: defender a auga é defender a vida e o futuro do planeta. Continuaremos loitando pola preservación destes ecosistemas ata que as administracións tomen medidas efectivas para a súa protección".
Publicidade
O 9 de agosto será o día en que todas as cadeas farán públicas as súas cadeas que se poden consultar no a ligazón https://abrazoalagua.blogspot.com/ e o manifesto conxunto no que este ano se incluíu unha chamada de atención aos conflitos bélicos, especialmente ao xenocidio que se está cometendo en Palestina. "O que está a ocorrer en Gaza, tamén é un ecocidio aos seus ecosistemas e ás súas augas. Grazas a todas e todos por facer deste un Abrazo á Auga Universal".








Comentarios