top of page

Mulleres do BNG abordan a necesidade de visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Reuníronse para preparar a campaña con motivo do 25 de novembro


Ecos da Comarca/Deza

Mulleres do BNG da comarca da Estrada-Deza reuníronse para preparar a campaña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista. Durante o encontro, explica Ariadna Fernandez, concelleira en Lalín e deputada no Parlamento Galego, abordouse a “necesidade de visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres na nosa sociedade, así como de impulsar medidas concretas para frear esta lacra”.


No que vai de 2024, rexistráronse catro feminicidios na Galiza, os de Fadoua Akkar, Mercedes Ríos Muñiz, Andrea Yturry Alave e Estela Blach que deixaron tras de si tres crianzas orfas e unha sociedade conmocionada. Estes feminicidios son só a expresión máis extrema dunha realidade que se reflicte tamén en máis de 1.400 ordes de afastamento, 7.795 casos activos no sistema Viogen e máis de 900 delitos contra a liberdade sexual rexistrados no último ano, un 20% máis que en anos anteriores.

As mulleres do BNG alertan sobre o risco de normalizar estas cifras, favorecido polos discursos negacionistas e banalizadores promovidos por sectores conservadores e de extrema dereita. “Non podemos permitir que a violencia machista se asuma como algo inevitable. É unha responsabilidade colectiva, institucional e social garantir os dereitos humanos das mulleres e combater esta realidade”, destaca Ariadna Fernández.


Esixen á Xunta un compromiso real para abordar con urxencia medidas tan necesarias como “reforzar a atención psicolóxica ás vítimas como parte da Atención Primaria, e ampliar e mellorar os Centros de Información á Muller (CIM), garantindo financiamento suficiente e persoal suficiente e especializado”, asegura.



Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

No marco do 25N, o BNG considera que hai que fomentar actividades para concienciar sobre esta problemática á cidadanía con campañas permanentes, “co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a violencia machista e a importancia de combater os discursos negacionistas”, aclarou Fernández.


Asemade expresan a súa preocupación "polos retrocesos institucionais promovidos polo goberno da Xunta, como a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade, eliminación da optativa de Igualdade no ensino ou que privatice os futuros centros de crise 24 horas para a atención de vítimas de violencia sexual". Fronte a estas políticas, explica Fernández, “reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade libre de violencias machistas e animamos á veciñanza a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista”.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page