top of page

Momentismo absoluto

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre o actual momento político da vila de Lalín


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre o actual momento político deste municipio.

Antón Branco.
Antón Branco.

"Miña avoa Dondina gustaba de repetir un refrán: “Tras de min virá quen de min bon fará”.

Interioricei este coma unha profecía que se proxectaba ao futuro con esa soberbia baixiña de quen se sabe coñecedora de algo importante. Co tempo fun matizando o que tiña na cabeza cunha mirada newtoniana, esa que se plasma naquilo que dixo o xenio inglés: “Camiñamos a ombreiros de xigantes”. Rétanos a vida cando nos coloca na posición de mirar atrás e tratar de separar o que hai que queimar do que hai que conservar. Esta é unha habilidade que trato de perfeccionar cada día.


Agora levo un facho na man e diante de min hai catro montóns de leña. Vou prender os catro, cada un é un consenso no zeitgeist lalinense. Imos ver cales arden mellor.


Primeiro. A miña xeración, entendida esta como todos os meus coetáneos e as nosas

perspectivas comúns, está de loito. Temos unha ferida, a terceira de Miguel Hernández. Choramos a morte dunha vida que nos foi contada por unas persoas que xa non están. Ese rural que ecoa nos discursos proustianos actuais nunca existiu, mais na nosa mente é refuxio fronte ao incerto. Lalín hoxe ten un tacto metálico e unha vista urbana. A madalena é un cupcake. O cambio de pel xa se produciu hai tempo, tan só queda mirarse ao espello e aceptarse.

 PUBLICIDADE

Segundo, o mundo xa mudou e a onda acabarase notando en Lalín. Sempre é bo anticiparse. Iso si, para poder facelo hai que ter os ollos ben abertos e habituarse ao diferente. Poida que Lalín traia unha inercia positiva dende os 80, con altibaixos, mais para perdurar necesitamos máis. Poderiamos ser o distrito zero de Galicia, ese que cosa o Oriente moribundo co Occidente puxante, que se suba á electrificación da vida nese tren que unirá as capitais do país. Todo isto mirando ao noso veciño, Portugal. Para isto hai que erguerse sobre os chanzos que deixaron os xigantes que nos precederon e ter a visión suficiente para construír unha nova forma de estar no país.


Terceiro, opcionalidade, ese heurístico talebiano. Lalín ten un problema de oferta política (non de número de partidos). Hoxe seguridade e resultados son dous elementos chave na escolla electoral. A día de hoxe é o actual goberno local quen os capitaliza. Non creo que se poida confiar o destino a un Deus ex machina nin que que sexa necesario ter grandes líderes, sagaces en todas as facetas. Fai falla proxecto, estratexia e organización.


Cuarto. Hoxe asistimos á fin dun ciclo político que pode que comezase no inicio dos violentos anos dez (vaia trola nos meteu Ataque Escampe). O final dunha xeira arrastra con el aos seus protagonistas, máis tarde ou máis cedo. Contradigo aquí o verso de Anxo Angueira: portas abertas ten a casa do patrón. Ás veces hai que aceptar a realidade de que as grandes ideas poden fracasar no seu intento de materializarse e as malas poden resistir o paso do tempo con certa eficacia. É no diálogo realista que confronta o desexar co poder onde se atopará o equilibrio necesario para cambiar as cousas. Enriba da mesa hai propostas interesantes coas que se pode xogar, algunha creo que atinou na estratexia e no ton, mais fáltalle chasis a ese vehículo.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Pasa, ás veces, que cando se vai perdendo por moito a presión baixa e é precisamente nese intre de relaxación cando pode aparecer a inspiración para reconducir o rumbo, poñendo as gafas de longo alcance e probando diferentes formas de pensar. Hoxe, a única opción viable que albisco é esa que se escribe en alemán: Grosse Koalition.


P.D. Outra opción é a que remeda o que propuxo Enrico Berlinguer, para esta fan falla anos e moito traballo. É a máis fermosa, sen dúbida.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page