top of page

Mina Touro O Pino NON e Tralapena denuncian a campaña de sondeos de Cobre San Rafael

hace 14 horas
2 min de lectura

Esixen por rexistro a todos os Concellos da comarca "que manteñan a neutralidade institucional e rexeiten este atropello"


Ecos da Comarca/Comarca de Arzúa

A Asociación Ambiental e Cultural Plataforma Mina Touro - O Pino NON e a Asociación Tralapena, unidas na loita contra o proxecto minero de Touro-O Pino, queren denunciar publicamente "a última manobra de lavado de imaxe iniciada pola empresa Cobre San Rafael na comarca de Arzúa". Segundo puido comprobar a veciñanza, a mercantil anuncia e publicita unha campaña para realizar sondeos de opinión, que inclúe chamadas telefónicas masivas, distribución de folletos nos comercios locais e anuncia a instalación de urnas de consulta dentro das propias dependencias municipais dos concellos da comarca. Desde os colectivos cualifican esta campaña como un "intento desesperado e artificial de fabricar unha licenza social que a comarca xa lles negou de forma rotunda nas rúas" e denuncian que as enquisas "non buscan escoitar á poboación, senón teledirixir as respostas e obter datos persoais para xustificar un suposto apoio social ante a administración autonómica".

Folleto da campaña de sondeos da empresa promotora da mina.
Folleto da campaña de sondeos da empresa promotora da mina.

Presión institucional para frear o uso do espazo público

Estas asociacións contrarias á mina sinalan que presentaron por rexistro unha petición formal dirixida ás Alcaldías e membros das Corporacións Municipais da comarca, en concreto ós concellos de Touro, O Pino e Arzúa. No escrito esíxese o rexeitamento expreso á instalación de urnas ou soportes publicitarios da mineira en calquera dependencia pública. "Os edificios municipais son de toda a veciñanza e deben rexerse pola neutralidade e o interese xeral. Non poden converterse no escaparate de propaganda dunha multinacional privada que ameaza o noso xeito de vida, poñendo en risco os nosos proxectos de vida na comarca", sinalan desde as asociacións.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Pronunciamento do Concello de Touro

Cabe mencionar que o venres xa se pronunciou publicamente ao respecto o edil de Medio Ambiente de Touro, Darío Rey, quen desmentiu que o Concello de Touro vaia ser utilizado para este tipo de consulta. "Ante estes panfletos que están circulando en Touro, desmentir que Cobre San Rafael vaia utilizar a Casa do Concello e de todos os veciños para facer un falso referéndum sobre a mina. Parece incríble que unha empresa se tome a liberdade de querer utilizar sen autorización, e anunciar, un espazo como o Concello para os seus fins", afirmou.


Estes dous colectivos lembran que o proxecto da mina de levarse adiante, "poría en risco crítico a conca do río Ulla, os sectores agrogandeiros, a categoría das queixerías baixo a Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa e o Camiño de Santiago, piares fundamentais da economía e o patrimonio da comarca, ademáis das  expropiacións de terreos e a total devaluación das vivendas".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Estas asociacións fan un chamamento a toda a veciñanza e aos comerciantes da comarca "para que non participen nestas enquisas trampa e non cedan ante o lavado de cara dun proxecto que segue a ser ambiental, cultural,  económica e socialmente inviable, representando exclusivamente o beneficio para uns pouco contra o futuro sostible e habitable que queremos ter nesta terra".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page