top of page

Miles de persoas por terra e por mar reclaman á Xunta na Illa “a denegación” a Altri e a Mina de Touro-O Pino

Marta Gontá, voceira de Ulloa Viva: “Deixen de facernos sufrir e pechen xa estes proxectos, deixen de vender como progreso o retroceso”

Ecos da Comarca/Xeral

Miles de persoas por terra e máis de 300 barcos no mar abarrotaron este domingo A Illa de Arousa para exixir á Xunta de Galicia a denegación definitiva dos proxectos da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e a reapertura da Mina de Cobre de Touro-O Pino. Máis de 10.000 persoas percorreron a Illa desde a Praia do Vao ata o Porto de Xufre.


Antes de arrancar a manifestación na Praia do Vao, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as voceiras da Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, reclamaron ao goberno galego o “enterro” destes proxectos industriais contaminantes e apelaron “á defensa do Río Ulla e a Ría de Arousa” como “bens a protexer”.

En declaracións aos medios onte na Illa, o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, lamentou que “o señor Rueda está decidido a sacrificar o río Ulla e a Ría de Arousa para beneficiar a uns privilexiados. Quere malvender o noso país e mudar o noso modo de vida”. Rubido criticou tamén que Rueda “está usando diñeiro público para promover proxectos que destrúen e desarticulan o noso territorio”, proxectos que segundo sinalou o presidente da PDRA “só benefician a unha minoría e prexudican á maioría do pobo galego”. Destacou tamén Rubido que “aprobar estes proxectos é camiñar en contra da nosa soberanía alimentaria e a favor do cambio climático”.


A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, explicou que “logo de 5 manifestacións -a de hoxe na Illa é a sexta-, de 27.000 alegacións e do informe demoledor do Consello da Cultura Galega, xa está todo dito. O proxecto non cumpre tecnicamente nin conta con licenza social e Altri é unha empresa mentireira que nos trae a peste”. Gontá dirixiuse á Xunta de Galicia, “que é quen ten as competencias para enterrar estes proxectos dunha vez por todas”. A voceira de Ulloa Viva exixiu ao goberno da Xunta “que, como mínimo, sexa educado, coherente e empático cos seus gobernados, que somos os que pagamos as súas nóminas”.


Logo de moitos anos de loitas contra estes proxectos, Marta Gontá demandou á Xunta que "deixen de facernos sufrir e pechen xa estes proxectos, que deixen de vender como progreso o retroceso”. Segundo explicou en declaracións aos medios ao comezo da manifestación, “non hai progreso sen protexer o que nos dá valor, os recursos que xa temos, a terra o aire a auga...”. E afirmou que “se o señor Rueda, a señora Lorenzana ou Ánxeles Vázquez non son capaces de facer este traballo, deben dimitir e deixar o posto a xente máis educada, máis empática e máis formada”.


Dixo a voceira de Ulloa Viva que “Rueda, Lorenzana e Vázquez avergónzanse do que é Galicia hoxe e queren convertela noutra cousa”, diante disto advertiu que “a nós gústamos e valoramos o que temos, e non estamos dispostos a regalarllo a ninguén”. Advertiu Gontá de que “a Xunta será responsable de ata onde escale este conflito, porque nós chegaremos ata o final”.


Pola súa banda a voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo, lembrou os 9 anos de loita contra a Mina de Touro- O Pino, e asegurou que “o conflito da mina de Touro-O Pino non é só un conflito local, é un conflito ambiental, territorial , social e económico que sigue máis vivo ca nunca, e só a forza de todo un pobo unido pode parala”. Diante disto, Cancelo mandou onte desde a Illa de Arousa unha mensaxe: “Que escoiten ben os que gobernan e as empresas que queren impoñernos as súas miserias contaminantes. Teñen enfronte a todo un pobo que está máis vivo ca nunca para paralos”.


Cancelo lembrou que o proxecto de Cobre San Rafael para a reapertura da Mina de Touro-O Pino “é o mesmo” que a Xunta de Galicia denegou no 2021. Agora pola contra, Cancelo criticou que “a Xunta de Galicia négase a dicir NON outra vez aínda que os riscos están plenamente vixentes ameazando o noso futuro”. Tamén lembrou a voceira que “ata o ICOMOS -órgano asesor da UNESCO- reclama formalmente por segunda vez ao goberno galego que anule os permisos de reapertura polo seu impacto critico no Camiño de Santiago”. Concluíu Cancelo lembrando que “xa paramos unha mina no 2021º, e neste 2026 imos volver a parala”.


Manifesto no Porto de Xufre

No escenario colocado no Porto de Xufre ao remate da manifestación leron o manifesto representantes das tres plataformas convocantes. Ana Millán, responsable do Museo da Conserva e presidenta de Arousa en Transición; Olaya Barral, veciña e parte da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, e Patricia Coucheiro, veciña da Ulloa e unha das voceiras da Plataforma Ulloa Viva.


No manifesto, as tres Plataformas explicaron que “estamos aquí, para defender a

auga que é a nosa vida. A auga que o señor. Rueda quer agasallarlle aos proxectos depredadores da mina e da celulosa... A auga que precisamos neste contexto de cambio climático para garantir a nosa soberanía alimentaria. Estamos aquí, nunha manifestación por terra e por mar para defender o noso modo de vida”. Na lectura do manifesto sinalaron

que “a Xunta da Galicia defende os proxectos que espolian a nosa terra e rouban a nosa auga. Poñen en perigo o noso traballo e modo de vida, a nosa saúde e o futuro das xeracións vindeiras. Empresas coas que destrúen os sectores produtivos, enchen de eucaliptos a paisaxe e de contaminantes as augas do rio e da ría. Eucaliptos sedentos de auga que secan os nosos pozos e nos traen eses incendios de sexta xeración que ameazan o noso rural”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Tamén explicaron que esta manifestación “ven marcada polo recente anuncio fantasma da Xunta de arquivar o proxecto de Altri. Este goberno non entende que as mentiras teñen patas curtas, que xa sabemos como, a cada paso que dan, retroceden un... Non nos importan as súas tácticas; a nosa estratexia é continuar a loita ata o final. Repetímosllo outra vez: ATA O FINAL!”.


“O “Bienvenido Mr. Marshall” xa pasou! Van un capítulo por detrás!. Xa sabemos o que significa greenwashing!”, advertiron explicando tamén que “din que o arquivan, nós dicimos que o enterren! Din que o deixan caducar, nós dicimos que o rematen!”. Tamén se referiron ao proxecto de reapertura da Mina de Touro-O Pino, destacando que é “un proxecto mineiro claramente contaminante que provoca drenaxes acedas con metais pesados, perturba a vida nas aldeas do entorno da mina con fortes explosións diarias, ocupa 812 hectáreas, provoca unha forte contaminación atmosférica de partículas en suspensión e arsénico e impide o desenvolvemento da agrogandeiria e do turismo sostible vencellado ao Camiño de Santiago”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Como colofón sinalaron no manifesto que “contaban con que caláramos, contaban con seguir co seu plan sen estorbos, pero o pobo galego tirou de orgullo e dignidade, en Palas de Rei, en San Caetano, no Obradoiro, na Pobra do Caramiñal e hoxe na Illa de Arousa”. Aseguraron que “todas xuntas somos imparables, non contaban con nós, non contaban con que a dignidade de todo un pobo puxera paus nas rodas aos seus negocios” e lanzaron unha advertencia: “Non nos van desmobilizar, porque aínda hai percorrido para

seguir presionando na Galiza, en España e en Europa”. “Queremos a DENEGACIÓN dos proxectos, a potenciación dos nosos sectores produtivos e a protección ambiental do Ulla e da ria de Arousa. Temos que seguir mobilizándonos e alerta para defender este país”, concluíron.


No escenario, a actriz Isabel Risco animou a chegada dos miles de manifestantes que desde O Vao ateigaron as rúas e accesos ao Porto de Xufre na Illa de Arousa. No mar, máis de 500 barcos chegados de todos os puntos da Ría de Arousa sumáronse á mobilización en Xufre e fixeron soar as súas bucinas exixindo tamén o peche definitivo de Altri e a Mina de Touro, dúas ameazas máis á xa “agónica” situación do sector do mar na Ría de Arousa. Como fin de festa, os grupos musicais Son da Illa e Loita Amada puxeron música a unha xornada reivindicativa histórica que colapsou a Illa de Arousa con xente chegada de toda Galicia ao berro de “Altri Non e Mina tampouco”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page