top of page

Medio Rural reúnese co sector gandeiro para explicar as medidas preventivas fronte á dermatose nodular

O SLG pide a prohibición temporal da entrada de animais de fóra de Galiza e reclama información veraz e constante fronte a esta doenza


Ecos da Comarca/Xeral

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse este luns con representantes do sector gandeiro, ADSG, veterinarios oficiais, organizacións agrarias e asociacións, ente outros colectivos, para transmitir toda a información actualizada da dermatose nodular contaxiosa (DNC), pedir responsabilidade ao sector e, ao mesmo tempo, facer un chamamento á tranquilidade.


José Balseiros lembrou que polo de agora non hai constancia de ningún caso en Galicia e que se trata dunha doenza que non afecta nin se transmite ás persoas. Explicou que dende onte, tal e como recolle o Diario Oficial Galicia (DOG), están suspendidas todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando en Galicia durante os próximos 21 días, unha medida que poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da doenza.


Prohíbese tamén a entrada na comunidade de animais procedentes de explotacións situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á DNC. A maiores, os bovinos que cheguen a Galicia con destino a sacrificio poderán entrar na comunidade, sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.

ree

O director xeral lembrou que segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos con destino á vida procedentes de fóra de Galicia. Nas granxas que se incorporen estes animais quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante este mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.


Ademais, é obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na granxa á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos.


Medidas urxentes solicitadas ao Ministerio

José Balseiros tamén lembrou que dende a Consellería do Medio Rural se lle ten pedido ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación máis coordinación a nivel estatal co obxectivo de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro.


Seguindo esta liña, solicitarase ao Goberno central que lidere no marco da Unión Europea unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva. No caso de declararse algún foco, o que se pide son indemnizacións “contundentes”, que os sacrificios poidan realizarse en matadoiro e non nas explotacións, así como que se poida comercializar a carne de animais sacrificados non positivos.


Críticas do SLG

O Sindicato Labrego Galego (SLG) participou na primeira xuntanza á que foi convocada por parte da Consellería do Medio Rural para falar Dermatose Nodular Contaxiosa. Segundo explicou a administración, na mesma reunión estaban convocadas arredor de 200 organizacións, entre organizacións agrarias, ADS e cooperativas. "Durante o encontro, a Consellería presentou información sobre a enfermidade a través dunha exposición técnica e limitouse a asegurar que todo se fixera correctamente, sinalando que, se as persoas gandeiras non están informadas, é “porque non queren”, xa que se enviou un correo electrónico con información ás granxas que dispoñen de dirección rexistrada, mentres que o resto deben acceder á OVGAN (Oficina Virtual do Gando) e actualizar os seus datos para poder recibir comunicacións", sinala o colectivo.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Desde o SLG lamentan profundamente "este enfoque que culpabiliza ás persoas gandeiras. Ademais, consideramos que esta convocatoria, a día 27 de outubro, chega tarde, dado que a enfermidade leva semanas xerando preocupación. Por outra banda, información ten que ser constante, precisa e transparente por parte da Consellería, e non pode limitarse a reenviar o que publica o Ministerio de Agricultura. Non é admisible que nos teñamos que informar a través das reunións do propio Ministerio ou das organizacións agrarias doutras comunidades autónomas do que está a acontecer. Trátase dunha enfermidade nova para boa parte de Europa, e existen moitas dúbidas mesmo entre o persoal veterinario, incluíndo a posibilidade de que se modifique a normativa para permitir a vacinación preventiva. A obriga da administración, especialmente nestes casos, é proporcionar información clara e rigorosa, e non deixar que circulen datos confusos que xeran máis incerteza entre as gandeiras e gandeiros", sinala.


Medidas excepcionais e apoio real ao sector

Desde Sindicato Labrego Galego reiteran a petición de que, mentres dure este período de risco sanitario, se prohiba a entrada de animais de fóra de Galiza, como medida preventiva esencial para protexer o gando galego e evitar a chegada do virus ao país. "Manifestamos ademais a nosa preocupación polo protocolo establecido, que contempla o sacrificio de todos os animais se non se alcanza unha cobertura de vacinación do 90% das granxas e do 75% do censo de animais nun radio de 50 km arredor dun foco. A esta situación súmase que as vacinas aínda non están chegando ás granxas, o que deixa o sector totalmente desprotexido.A isto se lle suma a alerta por outras cuestións, como por exemplo a celebración de certames gandeiros sen medidas de protección, como a Poxa Estatal de Gando celebrada recentemente en Madrid, da que poderían saír animais con destino a Galiza; a falta de control efectivo dos transportes de gando que chegan, mesmo desde zonas restrinxidas e de distintas especies, a matadoiros galegos ou a contía insuficiente das indemnizacións actuais, que en caso de sacrificio non permiten nin sequera a reposición dos animais nin garanten a supervivencia das granxas afectadas".


Coordinación e resposta rápida

Desde o Sindicato Labrego Galego reclaman a creación urxente dun grupo de crise con capacidade de resposta inmediata, no que participen a administración, as organizacións profesionais agrarias e o persoal veterinario. "Este grupo debe garantir axilidade, coordinación e comunicación directa co sector, para evitar improvisacións e prexuízos innecesarios ás producións galegas. O noso sector necesita información certa, vacinas dispoñibles e medidas proporcionadas, non mensaxes autocompracentes nin culpabilizacións entre administracións. A prevención é necesaria, pero non pode facerse a costa das labregas e labregos que manteñen vivo o noso rural".


A dermatose nodular contaxiosa

Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Convén sinalar que esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores. Pódese consultar máis información na páxina web: Dermatose Nodular Contaxiosa | Portal da Consellería do Medio Rural.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Girona en Cataluña, e que ten continuado ata a data con sucesivas notificacións de novos focos nesa comunidade, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia.


A fin de previr a súa entrada en Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha no verán unha campaña de información para o sector gandeiro para explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page