Medio Rural inviste máis de 1,7 M€ para mellorar a rede de 74 camiños de parcelaria de Val de Camba
- ecosdacomarca

- 29 abr
- 2 min de lectura
A conselleira María José Gómez visitou esta zona de reestruturación parcelaria na que
veñen de comezar as actuacións
Ecos da Comarca/Rodeiro
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou onte os terreos da zona de reestruturación parcelaria de Val de Camba, no concello de Rodeiro, na que se veñen de iniciar as obras para a mellora dunha rede de 74 camiños, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros.

Neste sentido, a conselleira explicou que os labores se centran tanto en vías principais
como secundarias; así como na dotación de accesos aos novos predios. En total, estas
obras permitirán actuar en máis de 26 quilómetros de camiños. Salientou tamén que se
mellorarán as entradas das fincas cuxos propietarios así o solicitasen, arredor de 140, coa
formación de ramplas e outras accións. Gómez sinalou que, grazas a esta actuación de relevancia, mellorarase unha parcelaria que abrangue unha superficie superior ás 1.800 hectáreas, divididas en preto de 1.870 parcelas de 722 propietarios. Así mesmo, destacou o investimento de case 4 millóns de euros nos labores de reestruturación.
PUBLICIDADE
Ferramenta clave na mobilización de terras
A conselleira do Medio Rural reafirmou "a aposta do Goberno galego polas parcelarias
como unha ferramenta clave de mobilización de terras. Neste senso, lembrou que este ano
destínanse 16,7 millóns de euros para seguir impulsando este tipo de procesos, catro máis
que no 2025".
PUBLICIDADE
A maiores, destacou que desde o 2020, entregáronse un total de 39 concentracións
parcelarias. En total, supoñen unha superficie de máis de 27.000 hectáreas que
beneficiaron preto de 20.460 propietarios. Gómez engadiu que se seguirá traballando
nesta liña coa previsión de entregar 25 parcelarias antes do 2028, entre as que se atopan
as de Alfoz e Mesía deste mesmo ano, así como iniciar os trámites para decretar sete
novas reestruturacións neste 2026.








Comentarios