Mañá comeza en Silleda a renovación da sinalización horizontal e a nova ordenación do tráfico
Habilitaranse tamén espazos de estacionamento limitado a 15 minutos diante de
farmacias, estancos e panaderías para favorecer a rotación
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda iniciará este luns, día 14, os traballos de renovación da sinalización horizontal no núcleo urbano de Silleda, dentro da actuación financiada con fondos da Deputación de Pontevedra e cun orzamento total de 48.282,99 euros. Os traballos chegan a Silleda unha vez completada a actuación prevista na Bandeira, onde xa se renovaron as marcas viarias nas rúas incluídas no proxecto e se implantaron os cambios previstos na ordenación do tráfico.
En Silleda, a actuación abrangue máis de 4,2 quilómetros de vías e permitirá renovar pasos de peóns, liñas de circulación e detención, prazas de estacionamento, zonas de carga e descarga, reservas para persoas con mobilidade reducida, sinais horizontais de STOP e ceda o paso, frechas de dirección e outras marcas viarias.

Os traballos iranse executando de maneira progresiva nas distintas rúas, polo que será
necesario realizar restricións puntuais de estacionamento e circulación. As zonas afectadas serán sinalizadas previamente para facilitar a execución do pintado e minimizar as molestias á veciñanza.
Cambios na contorna da avenida do parque
Un dos puntos nos que a nova sinalización terá maior incidencia será a avenida do Parque, onde se están a completar as obras de renovación deste ámbito. Implantarase unha nova zona azul en toda a rúa, ampliando o sistema de estacionamento regulado que xa funciona con moi boa acollida na rúa do Progreso. A medida permitirá favorecer unha maior rotación das prazas nunha das zonas máis céntricas e con maior actividade da vila.
Co pintado reorganizarase tamén o tráfico na baixada dos Castros de Toiriz, onde o primeiro tramo pasará a funcionar en sentido único de circulación. Esta modificación permitirá aproveitar mellor o ancho da vía e habilitar estacionamento en ambas marxes, gañando novas prazas neste ámbito.
Tamén na rúa Santa Olaia, que contará igualmente cun único sentido de circulación,
habilitaranse prazas de estacionamento a ambos lados da vía.
PUBLICIDADE
Esta reorganización permitirá garantir, no conxunto da zona, o mesmo número de prazas de estacionamento que existían antes das obras, compensando deste xeito as prazas que se suprimen fronte á igrexa coa nova configuración do espazo público. Ademais, o espazo situado na contorna igrexa poderá habilitarse de maneira puntual para estacionamento durante a celebración de eventos como vodas, bautizos, enterros ou outros actos que xeren unha afluencia extraordinaria de vehículos. Deste xeito, mantense o carácter peonil e ordenado da zona no uso diario, pero prevese a flexibilidade necesaria para atender situacións concretas vinculadas á actividade da igrexa.
O Concello lembra que a avenida do Parque funciona como plataforma única, pero con usos claramente diferenciados: o carril de circulación está delimitado e as zonas pavimentadas en pedra quedan reservadas ao tránsito peonil. Nas últimas semanas detectáronse vehículos estacionados sobre estes espazos. Ata agora, ao non estar completada a sinalización definitiva, a Policía Local priorizou os avisos e a información.
Coa nova sinalización xa instalada, o estacionamento nas zonas peonís poderá ser sancionado. O Concello pide por iso respectar a nova ordenación e evitar a invasión dos espazos destinados ás persoas que se desprazan a pé.
Estacionamentos de 15 minutos para compras rápidas
Outra das novidades será a creación de puntos de estacionamento limitado a un máximo de 15 minutos diante de farmacias, estancos e panaderías, establecementos nos que, pola propia natureza das compras, as paradas adoitan ser de moi curta duración. Con esta medida búscase favorecer unha maior rotación dos vehículos, facilitar o acceso rápido a este tipo de comercios e evitar que estas prazas queden ocupadas durante longos períodos de tempo.
A limitación temporal permitirá que un maior número de persoas poida utilizar estes espazos ao longo do día, ao tempo que se contribúe a facer máis fluída a circulación e a reducir as paradas ou estacionamentos indebidos en puntos de especial actividade.
Reorganización do tráfico noutras zonas
Os traballos servirán tamén para facer efectivos os cambios de sentido previstos nas rúas
Cartaxena e Antón Alonso Ríos, unha reorganización deseñada e supervisada pola Policía
Local para mellorar a seguridade e a visibilidade nos cruzamentos desta zona.
A rúa Cartaxena cambiará o seu sentido de circulación, de maneira que o acceso se realizará desde a rúa Venezuela. Pola súa banda, tamén se modificará o sentido na rúa Antón Alonso Ríos, que pasará a canalizar os vehículos procedentes tanto da rúa Cartaxena como da rúa Castrelo.
PUBLICIDADE
Con esta nova configuración preténdese reducir situacións de risco nos entronques coa rúa Venezuela, onde a visibilidade e determinados movementos de xiro dificultaban a circulación.
O Concello pide ás persoas condutoras que extremen a atención á nova sinalización,
especialmente durante os primeiros días, ao tratarse de itinerarios moi habituais nos que será necesario adaptarse aos novos sentidos de circulación e á nova distribución das zonas de estacionamento.
A actuación completa abrangue aproximadamente 5,6 quilómetros de rúas entre Silleda e A Bandeira, dos que 4.261 metros corresponden ao núcleo de Silleda e 1.320 metros á Bandeira.









Comentarios