top of page

Manuel Villanueva gaña o XXIX Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro

Modesta Montoto, Xosé Torres, Aceites Abril, David Liñares e Adega Algueira, Premios Gastronomía de Galicia que se entregarán na Gala do Cocido de Lalín



Laura Moure/Lalín

O periodista Manuel Villanueva fíxose por unanimidade do xurado co XXIX Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, promovido polo Concello de Lalín en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, coas asociacións gastronómicas galegas e coa Axencia Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) e recoñecido como o premio gastronómico máis importante do Estado.

Villanueva foi elixido polo seu traballo xornalístico gastronómico Breve historia de un cocido gallego en Madrid por considerarse moi literario, recollendo palabras con fondo e forma que saben a cocido, aos 17 ingredientes de Cunqueiro e a conto do avó ben traído por un xornalista que esculpe palabras que saben a bo xornalismo, a oficio de vocación antiga, do pracer que se acosta nas mesas da luxuria gástrica e se acompaña de produto, amizade e historia. Escribir é dixerir palabras e desgustalas ca orde que impón a vida, a experiencia, a cultura e as gañas de contar. Eso é Galicia”, segundo argumenta o xurado. Breve historia de un cocido gallego en Madrid foi elixido entre os 23 traballos (19 presentados por profesionais do sector da comunicación e 4 traballos académicos) que concorreron a esta candidatura en todas as categorías (libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía, traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións, páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou traballos gráficos publicados en medios de comunicación). Así o acordaron os integrantes do xurado na súa deliberación que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Lalín. Un xurado, presidido polo alcalde de Lalín, que estivo integrado por destacados xornalistas como Martín Fernández Vizoso, Alberto Barciela, Xosé Manuel Merelles Remy (en representación da Axencia Turismo de Galicia), Belén Xestal, así como a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, e o anterior decano, Xosé Ramón Pousa. Rodríguez Vázquez e Pousa encargáronse de avaliar e valorar os traballos académicos presentados por alumnado de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional, galardón dotado con 1.000 euros co que se alzou o grupo conformado por Águeda Cernadas, Alejandra Barco e Marta Castro. O proxecto académico A semente da cidade foi escollido como mellor traballo académico polo seu amplo contido visual, pluralidade de fontes, utilización de ferramentas multimedia empregadas e o traballo de documentación realizado para acometer este soporte informativo. A maiores o xurado quixo outorgar unha mención especial ao libro Las mil y una recetas del Palacete de Las Mendoza (María y Concha Mendoza Babiano de Ángel Arcay Barral polo exquisito gusto no tratamento da información e o acompañamento e encadre histórico das receitas. Publicación na que colaboran Ana Vega, Jorge Guitián, Ricardo Fernández e Ernesto Vázquez Rey. Por outra banda, tamén se entregarán a XIX edición Premios de Gastronomía de Galicia na que dous lalinenses se alzaron con premios: Modesta Montoto Areán de Restaurante Villanueva, premio “Pepe Solla” ao labor de toda unha vida dedicada á gastronomía galega e David Liñares González, de Liñares Apicultura como premiado ao Pequeno produtor galego. O xurado conformado estivo conformado por:

  • Dª Begoña Blanco Blanco - Concelleira de Turismo de Lalín.

  • Dª. Marta Fernández Vázquez- Directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

  • Daniel Guzmán (Rest. O Camiño do Inglés) - Vicepresidente do Grupo NOVE.

  • Javier Outomuro (Rest. A Taberna) – Representante de Amigos da Cociña Galega.

  • José Martínez Vidal (Rest. O Parrulo) – Acompañou tamén o neto Alberto Martínez – Club Gastronómico Rías Altas.

  • José Luis Iglesias González (Rest. Cabanas) – Membro de Eurotoques, Xantares, Lareira e Amigos da Cociña Galega

  • José Antonio Asorey Torres. (Rest. Onde Antonio) -- Membro da Asociación Local Hostalería Lalín

  • César López Arribas, secretario xeral do Concello que actou como secretario do xurado

O xurado decidiu outorgar o Premio “Pepe Solla” ao labor de toda unha vida a Modesta Montoto Areán do Restaurante Parrillada Villanueva pertencente ao Concello de Lalín pola súa traxectoria no municipio dezao xa dende os anos 70.

No apartado do premio ao "Profesional que máis se distinguira na potenciación da Cociña Galega”, o galardón recaeu, por decisión do xurado, na persoa de Xosé Torres Cannas do Restaurante Pepe Vieira que logrou este ano a segunda estrela Michelín.

ENTIDADE POTENCIACIÓN DA GASTRONOMÍA GALEGA O xurado distinguiu no apartado do “Premio á empresa ou entidade que máis contribuíu á promoción da gastronomía Galega e dos produtos gastronómicos galegos” a Aceites Abril pola súa traxectoria e tamén por accións que están a tomar como o traballo na recuperación de variedades autóctonas.

A empresa de Liñares Apicultura de David Liñares, natural de Lalín, foi recoñecida co “Premio ao pequeno produtor” que máis se destacou no ano pasado, pola innovación que estivo e está a facer no eido da apicultura e a repercusión que está tendo a nivel nacional e internacional.

PREMIO Á ADEGA OU EMPRESA VITIVINÍCOLA Por último, no apartado do premio á “Adega ou empresa vitivinícola” o galardón recaeu na Adega Algueira (Doade, Sober), debido á súa traxectoria ao longo do tempo e á calidade de produtos cos que levan décadas deleitando a todos os amantes do viño.

Estes premios de Gastronomía de Galicia entregaranse xunto ao Premio Álvaro Cunqueiro na Gala do Cocido o vindeiro venres 10 de febreiro que se celebrará no Lalín Arena e retransmitida pola TVG.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page