Manuel Cuiña: “Este será o mandato do rural grazas á aprobación do PXOM”
- ecosdacomarca

- 21 may 2023
- 1 Min. de lectura
O candidato lembra que ca entrada en vigor do documento poderá volver a construirse vivendas nas parroquias, compensando o “éxodo dos últimos anos ás vilas precisamente por non poder construir vivendas"
Ecos da Comarca/Silleda
O candidato e actual alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, advirte que o vindeiro mandato será tamén “o mandato do rural, grazas a aprobación do PXOM que permite construir de xeito ordenado vivendas nos 240 núcleos rurais que suman as 33 parroquias silledenses”.
Con esta medida, Cuiña advirte que se virá a compensar “o éxodo dos últimos anos de
moitas familias que optaron por trasladar a súa residencia ás dúas vilas por non poder construir vivendas unifamiliares no seu lugar de orixe”, engade.

Así mesmo, Cuiña resalta que despois de ter realizado o maior investimento da historia nas pistas do rural, no vindeiro mandato continuarase con este “esforzo inversor para seguir ca mellora integral das pistas”.
No tocante aos servizos, o equipo de Cuiña aposta tamén por continuar extendendo a rede da traída municipal de augas a novas localidades.
“Somos un concello eminentemente rural, e por iso tamén seguiremos en colaboración cas persoas propietarias apostando pola restruturación parcelaria nos montes, como xa fixemos en Abades, e por suposto asesorando ás persoas emprendedoras e continuando como ata agora colaborando co MITECO para seguir extendendo a fibra óptica que xa chegou ao 80% do noso territorio”, engade.

O plan de recuperación de fontes e lavadoiros públicos, xunto ca posta en valor doutro legado etnográfico, a mellora dos centros sociais das parroquias e da recollida selectiva de lixo, completan xunto con outras propostas as medidas para o rural.








Comentarios