Manuel Cuiña aposta pola cultura ao servizo do desenvolvemento rural fronte unha Xunta do PP “que nin está nin se lle espera”
- ecosdacomarca

- 21 ene 2024
- 2 Min. de lectura
Sinala que “fronte a inacción da Xunta” o maior investimento en turismo nas comarcas chegou de administracións socialistas con máis de 2,5 millóns do PSTD Deza-Tabeirós
Ecos da Comarca/Deza
O candidato ao Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE, Manuel Cuiña, subliñou este sábado a aposta socialista por poñer os recursos culturais, patrimoniais e naturais das comarcas de Deza e Tabeirós ao servizo do desenvolvemento rural. Nunha visita ao mosteiro de Aciveiro, xunto coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, comprometeuse a traballar para que o futuro goberno autonómico presidido J. R Gómez Besteiro impulse unha estratexia definida de desenvolvemento cultural “que valorice os nosos bens patrimoniais, os Bens de Interese Cultural (BIC) e o noso inmenso patrimonio natural como elemento xerador de oportunidades”.

Ao mesmo tempo, Cuiña avogou por artellar iniciativas que potencien o talento da xuventude “que nas nosas comarcas está a desenvolver iniciativas moi interesantes nos eidos musical e audiovisual”, explicou.
Publicidade
O candidato socialista incidiu na necesidade de aproveitar a atracción de turistas para reactivar a economía, vertebrar o territorio e fixar poboación. “Para iso precisamos políticas activas que poñan en valor os nosos recursos, pois somos líderes en aloxamentos rurais, temos mozos e mozas que impulsan proxectos innovadores e temos os atractivos, pero falta a Xunta do PP, que en catorce anos non fixo nada pola cultura e o turismo das nosas comarcas”, dixo Manuel Cuiña.
Publicidade
Fronte á inacción de Rueda lembrou que o maior investimento en turismo e patrimonio na zona chegou de administracións gobernadas polo Partido Socialista como foi a Deputación de Carmela Silva e o Goberno de Pedro Sánchez, a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Deza- Tabeirós. Esta estratexia contempla actuacións na comarca por máis de 2,5 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación. Entre elas, executarase a musealización dos mosteiros de Aciveiro e de Carboeiro, dúas xoias do románico “polas que a Xunta nunca se preocupou”.
Grazas a este plan tamén se porá en marcha a experiencia dixital da Rapa das Bestas, a comunicación dixital dos camiños da Geria dos Arrieiros e Miñoto Ribeiro, a ecoruta “Galicia por dentro” e múltiples proxectos de mobilidade sostible e formación sectorial.
Publicidade
“Son exemplos de todo o que se pode facer no sector, pero para iso é preciso un cambio no goberno da Xunta, un cambio que debe vir liderado por Besteiro para que a administración autonómica aposte definitivamente polo patrimonio e a cultura como un dos motores económicos do interior de Pontevedra”, concluíu o candidato socialista.









Comentarios