López presenta aos veciños o plan da Deputación para mellorar a estrada Carboentes-Arnego
- ecosdacomarca

- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
Urxe ao Concello de Rodeiro a que "desbloquee o investimento de 1 M€"
Ecos da Comarca/Rodeiro
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de manter un encontro coa veciñanza de Rodeiro para presentar o proposta que o goberno provincial lle fixo chegar ao Concello para incorporar a estrada entre Carboentes e Arnego, actualmente de titularidade municipal, á rede de estradas provinciais.

O mandatario provincial explicou os detalles do proxecto ás persoas que residen na contorna dunha estrada que, ao seu paso polo termo municipal de Rodeiro, ten unha lonxitude de 8 quilómetros e atravesa tamén o municipio de Dozón e outros da provincia de Ourense. “Propuxémoslle o seguinte acordo ao Concello: a permuta desta estrada, que ten potencial para adaptala aos estándares dunha estrada provincial; e a cambio transfeririámoslle ao Concello unha estrada provincial que se axusta ás necesidades dunha vía municipal. É unha proposta seria e firme, de feito temos xa reservado no orzamento deste ano 1M€ para acometer a súa mellora. Sen embargo, aínda estamos agardando pola resposta do Concello que pasa por poñer a disposición os terreos necesarios para a actuación”, explicou o presidente provincial.
A transferencia da titularidade desta estrada á Deputación suporía unha importante mellora tanto para a mobilidade e seguridade viaria da veciñanza de Rodeiro como para as comunicacións da zona norte da provincia. Neste sentido, o goberno provincial implantaría nesta estrada os estándares do resto de estradas provinciais que consistiría no ensanche de todo o viario para dotalo de dous carrís de circulación, un para cada sentido, dun mínimo de tres metros de ancho. Así mesmo, estenderíase unha nova capa de rodadura, construiríanse cunetas de seguridade e instalaríase nova sinalización vertical e horizontal. “Esta é unha estrada vertebradora, que pode funcionar como porta de entrada e saída na zona norte da provincia e enlazar coa autovía de Ourense a Vigo”, remarcou López.
PUBLICIDADE
Neste sentido, o presidente provincial citou outras actuacións levadas a cabo pola Deputación en materia viaria en Rodeiro como mostra da rigorosidade e compromiso coa mellora das infraestruturas cun investimento de máis de 700.000 euros en distintas actuacións nas estradas EP-6201 entre Rodeiro e Vilela, na EP-6202 entre Rodeiro e Oseira ou na EP-6204 entre Portela e Antas de Ulla. Ademais o mandatario provincial repasou tamén os proxectos de colaboración da Deputación co Concello de xeito directo e que supuxeron o investimento de 3,7M€ no que vai de mandato para executar proxectos como as pistas de pádel ou a mellora de camiños municipais.
PUBLICIDADE
Así mesmo, lembrou que o Concello de Rodeiro pode beneficiarse tamén do novidoso Plan Vía Depo, unha iniciativa extraordinaria para axudar aos concellos da provincia a arranxar as estradas danadas polos temporais do inverno dotada cun total de 8M€. “Se o Concello quere colaborar, ten a man da Deputación tendida”, rematou o presidente Luis López.








Comentarios