Recibiu unha demanda que o Concello de Lalín interpuxo contra o de Cruces para que devolva os mapas do Legado Hilgen, que afirman non foron devoltos co resto do material
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces afirma que o alcalde, Luís Taboada, "recibiu a peor
noticia que se esperaba na Alcaldía, xa que ao final non se puido solucionar o problema da documentación do Legado Hilgen de forma amigable entre institucións e o Concello de Lalín optou pola vía xudicial". Segundo explica Taboada, isto remóntase a finais do ano 2012 cando o mandatario lalinense de Lalín e o de Vila de Cruces nese ano (Jesús Otero Varela) asinaron un convenio polo cal cedían o Legado Hilgen ao Concello de Vila de Cruces para ser exposto no Museo da Minería.

En xaneiro do ano 2018 o Concello de Lalín decide denunciar o convenio subscrito con Vila de Cruces ao ver que Jesús Otero, "máximo responsable nesa época, non os devolve aos seus donos". "Isto leva a que en maio do mesmo ano procédase á retirada de material, un material que polo visto estaba incompleto (segundo os responsables do Concello de Lalín) e que a día de hoxe non se deron as explicacións pertinentes do sucedido, un material que seguen reclamando e agora xudicializouse".
Taboada recalca que ademais, foi debate en varios plenos do Concello de Vila de Cruces no que se atopa "como membro do PP na oposición o señor Jesús Otero Varela, que non achegou nada novo ao caso".
O BNG impulsado polos seus compañeiros de partido de Lalín, tal e como subliña Taboada, solicitaron no pleno unha Comisión de Investigación para aclarar esta situación "tan bochornosa para o Consistorio, (en claro apoio aos intereses dos seus socios de Lalín) unha Comisión que non se puido levar a cabo porque nesas datas non se dispoñía de Secretaría debido a unha baixa neste departamento polo que houbo que aprazala". recalca o rexedor cruceño.
Unha investigación "que quedou en pausa cando os servizos xurídicos do Consistorio aconsellaron a Luís Taboada que non a realizase, porque nos medios de comunicación estaban a dicir que era inminente unha demanda xudicial por parte do Concello de Lalín, algo que se ratificou nestes días", incide o Concello de Vila de Cruces.
Luís Taboada quere deixar claro, que desde o Consistorio vai colaborar coa xustiza para aclarar este tema, como tamén colaborou coas notificacións recibidas por parte da Valedora do Pobo ás cales contestou cada vez que llo requiriron, é máis, onte (polo venres) mesmo recibiuse unha nova notificación solicitando nova información respecto diso, que en breve será contestada e que espera que este organismo entenda que nestes momentos que xa está este tema do Legado de Hilgen xudicializado ten as mans atadas e a decisión será do propio xuíz/a cando dite sentenza.
Por este motivo, Taboada xa se puxo en contacto cos servizos xurídicos para a defensa do "bo nome do Concello de Vila de Cruces ante as insinuacións que esconden esta demanda, unhas insinuacións que espera que dunha vez por todas queden aclaradas, e que nada teñen que ver co seu mandato, ao ser algo herdado do anterior goberno, pero que Taboada defenderá como propio e con total colaboración coa xustiza, para que se aclare todo canto antes, e que de momento xa supón un custo de máis de 4.000 euros, que o señor Otero puido evitar", conclúe Taboada.
Comments