top of page

Luis Taboada confirma que Cruces dispoñerá novamente de pediatra a partir do 15 de novembro

O Concello sinala que o tenente de alcalde foi o encargado de negociar coa responsable do Sergas e que ata esa data o servizo será de dúas horas e non dunha


Laura Moure/Vila de Cruces

O grupo de goberno de Cruces co seu alcalde á cabeza sinala que xa tiña preparada unha manifestación que se celebraría o vindeiro domingo día 10 ao coñecer que a Xunta ía deixar de prestar o servizo de pediatría en Vila de Cruces, e iso era inadmisible. "O máis

irónico desta situación atopámolo que mentres o grupo de goberno solicitaba á subdelegación do goberno os permisos para realizar a manifestación, o señor Otero do PP negociaba ás costas do goberno coa Xunta de Galicia e cansouse de poñerse medallas por conseguir que unha pediatra atendese o servizo unha hora ao día".


Algo que ao goberno de Xuntos lle parece vergoñento. "Que un exalcalde e militante do PP se conforme cunhas migallas, todo isto por non levar a contraria ao seu partido", sinala o alcalde, Luís Taboada. Non contentos con esta situación, asegura, puxéronse en contacto coa responsable sanitaria da zona, para pedirlle explicacións e solicitarlle que se tiña que restaurar o servizo integramente, senón farían a manifestación que estaba prevista como primeiro acto de repulsa e seguirían coas súas protestas aínda que tivesen que facelas diante do propio Sergas.


"A conversación transcorreu de forma cordial e fóronse achegando posicións ata o punto en que se lle confirmou verbalmente ao tenente de alcalde, Julio López, de que de momento se dispoñería de pediatra compartido con Silleda que estaría dúas horas en Cruces, en vez dunha hora, que o señor Otero negociou e vendeu coma un éxito rotundo, pero ademais que a partir do 15 de novembro se recobraría o servizo como estaba".


Ante este comunicado, o grupo de goberno, decidiu aparcar de momento a manifestación, confiando no comunicado verbal recibido e agradecendo á responsable sanitaria a súa atención e comprensión nesta situación.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page