top of page

Luis López visitará mañá o mosteiro de Camanzo e o goberno local pide que veña con datos e proxectos

"Estamos encantados coa súa visita, pero non queremos que veña só a facer a foto con Jesús Otero nin que veña a vender fume nin proxectos imposibles", recalca o Concello


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, o tenente de alcalde, Julio López, e a concelleira de Facenda, Mireya Otero, manifestan a súa decepción coa visita do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, prevista para mañá, luns ás 13 horas, ao Mosteiro de Camanzo "xa que é a única inversión que a Xunta ten prevista para Vila de Cruces no seu último orzamento".

Os responsables do goberno local sinalan que a Xunta "abandonou por completo aos cruceños e cruceñas". E o enfado do goberno local de Xuntos debeuse a que o delegado da Xunta xa visitou varias veces Vila de Cruces, "a máis recente para un xantar con Jesús Otero, pero non veu para solucionar os problemas urxentes que hai nos colexios da vila", lamenta.


Así mesmo, recalcan que Luis Taboada pediulle persoalmente que mediase entre o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e César Pérez, xefe territorial de

Educación, pero aínda están a espera dunha resposta. "Ademais, Jesús Otero prometeu en días pasados solucionar os problemas nos centros educativos, algo que indigna ao goberno local, xa que non fixo nada para remedialos cando era alcalde e agora que está na oposición parece que si pode". Segundo Julio López "parece que lle senta ben estar na oposición ao señor Jesus Otero, xa que nunca se moveu tanto polas parroquias como o está a facer agora mesmo e máis xa leva prometido inversións e postos de traballo directos no Sergas e máis organismos da Xunta de Galicia a aqueles/as que o apoien que en todos

os anos que gobernou".

Así mesmo, o goberno local puntualiza que está "encantado coa visita do delegado da Xunta, pero non queren que veña só a facer a foto con Jesús Otero. Piden que veña con datos e proxectos reais, sen vender fume nin proxectos imposibles. Recordan que a estrada Cruces-Santiago segue sen pintar, co perigo que iso conleva, e á Xunta parece non importarlle, xa que, despois de meses de obras, esqueceron rematala".


Pola súa banda, Mireya Otero, concelleira de Facenda, recorda que "a Xunta debería tomar exemplo da Deputación de Pontevedra, que investiu moito máis en Vila de Cruces. As fotos da presidenta Carmela Silva visitando a vila para coñecer o estado das obras demostran que cada vez que nos visita, concede un novo proxecto investindo nos cruceños e cruceñas, o contrario da Xunta e do señor Jesús Otero, no que ninguén cre xa nas súas promesas". Ademais, a concelleira recorda que "aínda están a agardar polos 200.000 euros prometidos firmemente por Jesús Otero nos plenos, a través da Xunta de Galicia para afrontar os peches do comercio e máis da hostalaría por mor da Covid-19, cousa que nunca sucedeu".


Por último, inciden en que a visita do delegado da Xunta ao mosterio de Camanzo "é importante para a vila", pero o goberno local espera que "sexa unha oportunidade para que a Xunta invista en Vila de Cruces, non só nesta obra, senón tamén en outros proxectos necesarios para a vila e os seus veciños e veciñas".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page