top of page

Losada destaca o investimento para a modernización de sete parques eólicos en Deza-Tabeirós

8 ago
2 min de lectura

Estes están situados en Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Cerdedo-Cotobade e Forcarei


Laura Moure/Deza

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou onte o importante impacto na provincia, e particularmente en Deza-Tabeirós, da segunda convocatoria do programa de Repotenciación Circular (REPOTEN 2) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), destinado a modernizar instalacións de enerxías renovables xa existentes.

A resolución definitiva concede 54.996.286 euros a oito proxectos de repotenciación eólica na provincia de Pontevedra, actuacións que suman un investimento subvencionable de 448,65 millóns de euros. As axudas están financiadas con fondos NextGenerationEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.


A maior parte das actuacións concéntranse en Deza-Tabeirós, onde se localizan sete dos oito proxectos pontevedreses seleccionados, nos concellos de Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Cerdedo-Cotobade e Forcarei. En conxunto, estes proxectos reciben 41,77 millóns de euros en axudas e representan un investimento subvencionable de 381,86 millóns de euros.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O oitavo proxecto beneficiario da provincia localízase na Cañiza. A repotenciación do parque eólico Montouto 2000 recibe 13.223.775 euros, a maior axuda individual dos oito proxectos pontevedreses, para unha actuación cun investimento subvencionable de 66,79 millóns de euros.


Losada salientou que «o reto non é só avanzar na produción de enerxía renovable, senón facelo cada vez de maneira máis eficiente e respectuosa co territorio. Estas axudas permiten modernizar o parque eólico da provincia e aproveitar mellor instalacións que xa existen, incorporando tecnoloxía máis avanzada e reducindo o seu impacto».

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Máis enerxía renovable con menos aeroxeradores

Os oito proxectos pontevedreses forman parte do Programa 1 de REPOTEN 2, destinado a modernizar parques eólicos xa existentes mediante a substitución de aeroxeradores antigos por menos equipos, máis modernos, eficientes e de maior potencia. As actuacións tamén poden incorporar sistemas de almacenamento hibridado.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

No conxunto de España, os 81 proxectos seleccionados permitirán substituír preto de 3.000 aeroxeradores antigos por menos de 500 novos, pasando dunha potencia media de 790 kW a 5 MW por equipo. Isto permitirá duplicar a xeración renovable nos emprazamentos existentes, reducindo ao mesmo tempo a superficie ocupada, o impacto paisaxístico e o risco de colisión para as aves.


Os novos equipos contribuirán tamén a reforzar a estabilidade do sistema eléctrico, ao incorporar tecnoloxía grid forming, que permite actuar como fonte de tensión estable de maneira autónoma.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Galicia lidera o número de proxectos beneficiarios

A segunda convocatoria de REPOTEN 2 distribúe no conxunto de España 612 millóns de euros entre 173 proxectos, dos que 81 corresponden á repotenciación eólica e 92 á renovación tecnolóxica e ambiental de centrais hidroeléctricas de ata 50 MW.

Galicia é a comunidade autónoma con maior número de expedientes beneficiarios, cun total de 40 proxectos, dos que 24 corresponden a parques eólicos e 16 a centrais hidroeléctricas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page