Loito oficial en Rodeiro polo falecemento do exalcalde deste municipio Manuel Lamazares
- ecosdacomarca
- 12 jun
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
A Corporación Municipal de Rodeiro celebrou este xoves un pleno extraordinario debido ao falecemento do exalcalde deste municipio Manuel Lamazares, quen faleceu onte aos 96 anos de idade. Foi rexedor de Camba dende 1966 a 1998, é dicir, durante 32 anos.
Discurso institucional do alcalde, José Luis Camiñas, en memoria de don Manuel Lamazares lido hoxe durante o pleno extraordinario.
"Hoxe é un día de loito para Rodeiro. Un día no que esta Corporación Municipal se reúne en pleno extraordinario e de urxencia para render unha merecida homenaxe á figura de don Manuel Lamazares, quen foi alcalde deste concello durante nada menos que 32 anos, entre 1966 e 1998, e que nos deixou nas últimas horas aos 96 anos de idade.
En primeiro lugar, gustaríanos trasladar, en nome de toda a Corporación e do pobo de Rodeiro, o noso máis sincero pésame á súa familia, que nos acompaña nesta sesión. Á súa filla, ao seu xenro, á súa neta, aos seus sobriños e demais achegados, queremos expresarlles o noso afecto e o noso agradecemento por permitirnos compartir este momento de lembranza e de recoñecemento público a un home que forma parte da historia viva deste concello, esta silla que está o meu carón foi a túa silla durante décadas e seguirá sendo a túa silla.

Don Manuel Lamazares foi, para Rodeiro, moito máis que un alcalde. Foi, durante máis de tres décadas, unha referencia constante, unha presenza permanente na vida cotiá deste municipio. A inmensa maioría dos que hoxe integramos esta Corporación nacemos e medramos co seu nome á fronte do Concello, sendo el a cara visible da institución durante toda unha xeración. Esa continuidade, esa dedicación ininterrompida ao servizo público, converten a súa figura nun símbolo do compromiso e da entrega.
Pero non foi só alcalde. Foi tamén deputado provincial, representando os intereses deste territorio fóra das nosas fronteiras municipais, e exercendo un papel clave nun tempo de moitas dificultades. Nunha época na que as infraestruturas eran escasas, e os recursos limitados, soubo traer progreso e desenvolver Rodeiro con esforzo e visión de futuro. Poderíase dicir, sen esaxeración, que o desenvolvemento do noso concello pasou polas súas mans, os consellos del nunca sobraron a os seus predecesores, eu aínda recordo o último que me deu non fai moitos meses na despedida dun funcionario municipal.
E non podemos esquecer outra das súas grandes vocacións: a educación. Foi mestre no colexio de Rodeiro, e tamén o seu director. Polo tanto, non só contribuíu a construír o Rodeiro material, senón tamén o humano, formando xeracións de veciños e veciñas que hoxe o lembran con respecto, gratitude e cariño.
Publicidade
A Manuel Lamazares lle debemos moito. Como profesional, foi o máis que se pode ser: docente, alcalde, representante público. Pero o máis importante é que foi sempre un servidor do pobo, entregado a Rodeiro sen límites. E, aínda así, como ocorre coas persoas grandes, o pobo de Rodeiro devolveulle aínda máis: estima, confianza, recoñecemento e memoria.
É por todo iso que, neste día, declaramos oficialmente o loito no noso concello, como mostra de respecto e homenaxe a quen tanto fixo por esta terra. Faremos chegar tamén este recoñecemento o resto de familia e amigos e gardaremos sempre o recordo do seu legado.
Descanse en paz don Manuel Lamazares. O seu nome permanecerá ligado para sempre á historia de Rodeiro. Moitas grazas".
D.E.P.
Comments