Localizado en Vila de Cruces un home de avanzada idade desaparecido desde onte do seu domicilio
- ecosdacomarca
- 14 feb 2023
- 1 Min. de lectura
O seu vehículo precipitárase por un desnivel de varios metros
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Ás 6:30 horas desta mañá, un particular chamou ao 112 Galicia para informar de que un dos seus familiares, de avanzada idade, faltaba na vivenda, situada no lugar de Fontarcada (Vila de Cruces) desde onte, cando saíra co seu vehículo. Aínda que mantiña contacto telefónico con este, explicaba que non contestaba de xeito claro ás súas preguntas e que podería estar desorientado.

O mesmo home implicado chamou con posterioridade ao 112 para indicar que sufrira unha saída de vía durante a tarde de onte e queixábase de dor nos xeonllos. Pouco despois, a Garda Civil confirmaba que o vehículo se precipitara por un desnivel de varios metros.
Os servizos de emerxencias puideron manter contacto telefónico co accidentado, que se desprazara a pé do lugar do accidente, ata que un particular o localizou preto do seu domicilio, no mesmo lugar de Fontarcada.
O 112 Galicia informou para este operativo ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou unha ambulancia ata o lugar, á Garda Civil, ao GES de Lalín, e a Protección Civil de Lalín e Vila de Cruces.
Comments