Lalín rexeita o posible cambio de adscrición ao Imelga de Pontevedra
- ecosdacomarca

- hace 15 horas
- 3 Min. de lectura
Tanto o goberno local do PP como o PSOE dende a oposición consideran que deben seguir dependendo do de Santiago de Compostela
Ecos da Comarca/Lalín
O Concello de Lalín rexeita o posible cambio de adscrición ao Imelga de Pontevedra. O alcalde José Crespo afirma que Lalín debe seguir dependendo do Imelga de Santiago de Compostela. Algo no que coincide tamén o PSOE, que levará a pleno unha moción para evitar este cambio.
A Dirección Xeral de Xustiza está a manexar un anteproxecto de Decreto para
modificar o Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de
Medicina Legal de Galicia. Nese documento, prevese que A Estrada, Forcarei,
Silleda, Lalín, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón pasen a depender da
Subdelegación Territorial do IMELGA en Pontevedra, no canto de depender do
IMELGA de Santiago de Compostela.

Crespo afirma que "despois de tanto esforzo para integrar a Lalín na área sanitaria de Santiago, non ten ningún sentido que agora nos obriguen a depender de Pontevedra no tocante ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga)". E subliña que "a postura do Goberno Municipal será rotundamente contraria se chegase a producirse este cambio".
Ademais, explica que as razóns son obxectivas e claras:
"Coherencia sanitaria: Lalín pertence á área sanitaria de Santiago. A vinculación co Imelga debe manter a mesma lóxica.
Proximidade e eficiencia: estamos a tan só 45 km de Santiago, mentres que a distancia a Pontevedra é case o dobre. Aforro de tempo e recursos para os veciños".
Publicidade
O PSOE tamén están en contra deste cambio. "Esta modificación é unha mala nova para os veciños e veciñas do Concello de Lalín que pasarían a desprazarse á Cidade de Pontevedra para realizar as súas xestións co IMELGA. Incrementaranse os tempos de desprazamento e os quilómetros recorridos para todos os concellos, (+28 quilómetros de media) e o tempo de viaxe (+27 minutos de media), coas molestias, riscos para a
seguridade viaria, incremento de custo de desprazamento e outros inconvenientes para os nosos veciños e veciñas. Estas molestias prodúcense ademais nun ámbito sensible como é o do IMELGA, que trata cuestións importantes como a asistencia forense aos
órganos xudiciais de garda (levantamentos de cadáver), asistencia aos detidos... e no ámbito máis persoal dos veciños e veciñas (autopsias, recollida de efectos persoais de falecidos, pericias viogen e agresión sexual, equipos psicosociais, valoracións para capacidade/incapacidade...)", sinalan os socialistas.
O Grupo Municipal Socialista comprende que o servizo prestado polo IMELGA Santiago é mellorable ao estar saturados case todos os profesionais e equipos que traballan nel. Pero salienta que a modificación proposta non garante que o Servizo de Pontevedra vaia ser mellor, xa que se incrementa o número de cidadáns que pasarían a depender desa Subdirección (+63.000), e os órganos xudiciais que deben atender.
"Non se prevé no anteproxecto a cobertura dese incremento con máis persoal, polo que no mellor dos casos, os veciños e veciñas do Concello de Lalín seguiremos na mesma situación de atención precaria e tardía, pero facendo máis quilómetros. Outro sector afectado é o dos servizos funerarios, que deberá trasladarse a Pontevedra co incremento de custos que iso terá para esas empresas e os seus clientes", lamenta o PSOE.
Publicidade
Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista presenta para a súa aprobación polo Pleno, a adopción dos seguintes Acordos
1.- A oposición do Pleno do Concello de Lalín ao anteproxecto de Decreto para modificar o Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
2.- Solicitar que se manteña aos Concellos de A Estrada, Forcarei, Silleda, Lalín, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón dependendo do IMELGA Santiago.
3.- A dotación de máis profesionais nas distintas Delegacións e Subdelegacións do IMELGA a fin de paliar os tempos de espera que padecen os veciños e veciñas neste momento.
4.- Darlle traslado do presente acordo á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.








Comentarios