top of page

Lalín reparte auga embotellada entre a veciñanza ante a turbidez da auga da traída

hace 14 minutos
3 min de lectura

Isto débese a incidencia rexistrada na rede municipal de abastecemento, que fai que a auga non sexa apta para o consumo humano


Ecos da Comarca/Lalín

Tal e como informou onte o Concello de Lalín a través das redes sociais a empresa concesionaria do servizo do abastecemento da agua neste municipio, Aquadeza, detectou un incremento da turbidez da auga procedente das captacións que abastecen o municipio como consecuencia das intensas precipitacións dos últimos días. As choivas provocaron un aumento dos materiais en suspensión nos ríos, dificultando os procesos habituais de filtrado e tratamento.

 PUBLICIDADE

Ante esta situación, o Concello recomendou á veciñanza evitar temporalmente o consumo directo da auga da traída, así como a súa utilización para beber ou preparar alimentos, ata que as análises confirmen a recuperación dos parámetros habituais de calidade.

Reparto de auga embotellada

Como medida para atender as necesidades da poboación, o Concello puxo en marcha este sábado a distribución de auga embotellada polo casco urbano. O reparto comezou polo sector da hostalería, nas rúas e espazos da avenida Luís González Taboada, Rosalía de Castro e a Praza da Igrexa, para estenderse progresivamente ao resto do núcleo urbano.


A partir das 13:00 horas, estaba prevista a distribución ao conxunto da veciñanza, establecéndose tres puntos de recollida: a Praza da Igrexa, fronte ao IES Laxeiro e na zona da Fonte dos Cabalos.

Traballos para recuperar a normalidade

De forma paralela, Aquadeza está a traballar para solucionar o problema da turbidez e recuperar canto antes as condicións habituais da auga. A concesionaria tamén está a realizar labores de purga da rede de abastecemento para limpar as canalizacións, uns traballos que poden provocar baixadas puntuais da presión da auga.


O Concello de Lalín agradece a colaboración e comprensión da veciñanza ante esta incidencia e mantén o seguimento da situación xunto coa empresa concesionaria.


Declaracións do alcalde

O alcalde do municipio, José Crespo, emitiu o seguinte comunicado este sábado:

"Vouvos falar con absoluta claridade sobre o problema que estamos a ter coa turbidez da auga en Lalín. Sei que sodes moitos os veciños e veciñas enfadados, preocupados e cansos desta situación. E enténdovos perfectamente. Son o primeiro en saber que a auga é un servizo básico e esencial, e que abrir a billa e poder utilizala con todas as garantías non debería ser unha preocupación para ningunha familia de Lalín.


Por iso, o primeiro que quero facer é pedirvos desculpas polas molestias que estades sufrindo e porque a información oficial puido ser máis áxil, se ben desde o Concello seguimos os tempos marcados pola empresa concesionaria e non podemos entrar no terreo das especulacións. Outra cousa é que haxa que revisar os protocolos previstos para estes casos (que o faremos).


Non vou buscar excusas nin eludir responsabilidades. As chuvias intensas provocaron un incremento da turbidez dos ríos, pero tamén puxeron de manifesto as limitacións dun sistema de filtrado que leva funcionando desde 1992 e que precisa modernizarse.

Esta é unha realidade que temos que afrontar e, por iso, onte mantivemos unha reunión con AQUADEZA para esixirlle solucións inmediatas e para abordar as actuacións necesarias para que estes episodios non volvan repetirse.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Agora mesmo temos catro prioridades:

  • Paliar de forma urxente a necesidade de auga principalmente no sector da hostalaría.

  • Ampliar a distribución de auga embotellada ao resto da poboación.

  • Traballar paralelamente na recuperación da normalidade do abastecemento, con absolutas garantías sobre a salubridade da auga.

  • Avanzar cara unha solución definitiva dos problemas do sistema de filtrado.


Mentres tanto, teño que pedirvos que sigades as recomendacións de non consumir auga da rede para beber nin para preparar alimentos ata que as analíticas o permitan. Comprométome a que recibades información clara e inmediata sobre a evolución da situación, mesmo cando non teñamos todas as respostas ou as novas non sexan as que nos gustaría dar.


Sei que este non é o primeiro problema que sufrimos este ano co abastecemento de auga e sei tamén que a vosa paciencia ten un límite. Non vos vou pedir confianza só con palabras. Vou tratar de recuperala con feitos e con traballo. Esixíndolle á empresa concesionaria as responsabilidades e compensacións que correspondan, planificando os investimentos necesarios para mellorar o sistema de filtros do abastecemento e mellorando os protocolos de actuación".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page