top of page

López destaca en Deza "a estabilidade do proxecto de Rueda e o PP fronte á constante guerra política entre PSOE e BNG, como en Silleda, Forcarei e Rodeiro"

O presidente provincial, acompañado do conselleiro Román Rodríguez, percorre a feira de Rodeiro con Cati Somoza, e membros do PP local e asiste ao xantar dos populares de Silleda con Ignacio Maril e uns 300 militantes e simpatizantes


Ecos da Comarca/Lalín

O presidente do PP Provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o conselleiro e candidato lalinense, Román Rodríguez, participaron na xornada deste domingo en senllos actos de precampaña na bisbarra do Deza e destacaron a “estabilidade, seriedade, rigor e nivel de xestión” do proxecto político de Alfonso Rueda e do Partido Popular fronte á “constante guerra política, ineficacia e enfrontamentos que caracterizan os pactos e acordos entre PSOE e BNG e que se aprecia, nesta mesma zona, nos concellos de Silleda, Forcarei e Rodeiro".

López e Rodríguez comezaron esta xornada de precampaña na súa comarca natal facendo un percorrido pola feira do 28 de Rodeiro xunto á voceira municipal, Cati

Somoza, e membros do PP local e posteriormente desprazáronse ata o restaurante Coteliño de Silleda para participar no xantar de confraternidade dos populares silledenses, que contou coa presenza do responsable local, Ignacio Maril, e duns 300 militantes e simpatizantes.


Publicidade

Na súa dobre visita, o presidente provincial do PP alertou, "en referencia á inestabilidade das coalicións PSOE-BNG", dos “graves riscos” dun goberno multipartito de esquerdas na Xunta, “xa que, como vemos aquí nos gobernos municipais da bisbarra, estarán máis centrados nos seus egos e nos seus enfrontamentos polas súas propostas políticas tan distintas que en atender aos cidadáns”. Neste senso, López lembrou, a modo de exemplos, "que en Silleda o Bloque deu plantón ao PSOE no recente pleno de investidura para elixir á nova alcaldesa, en Forcarei un concelleiro socialista abandonou o executivo polo seu rexeitamento ao soldo que quería poñerse o edil nacionalista, mentres que en Rodeiro comezan a verse as costuras e as diferenzas nun executivo que, por non poñerse de acordo, paraliza todas as accións e investimentos".


Publicidade

Por elo, apelou aos dezaos para que “o 18 de febreiro manteñan a súa boa costume” de respaldar maioritariamente ao Partido Popular e lle outorguen unha “confianza maioritaria” a Alfonso Rueda.


Pola súa banda, Román Rodríguez, que valorou e agradeceu o elevado grao de mobilización dos populares nestes actos de precampaña en Rodeiro e Silleda, deixou claro que a comarca do Deza “xógase moito” nestas eleccións autonómicas, en referencia aos “millonarios investimentos impulsados polo PP desde a Xunta para esta contorna” nunha lexislatura que calificou de “histórica”.


Publicidade

“Desde a miña responsabilidade na consellería actuamos con moitos fondos en case todos os colexios e institutos de Deza e Tabeirós e tamén afondamos moito no ámbito cultural, pero a verdade é que, repasando as cifras de toda a Xunta, hai que destacar que absolutamente todas as consellerías investiron e investiron moito nesta zona, demostrando unha actuación transversal a prol do seu progreso, desenvolvemento e calidade de vida e tamén visibilizando o fortísimo compromiso do PP con estas bisbarras”, aseverou o conselleiro.


Finalmente, o candidato lalinense quixo facer memoria sobre o abandono que socialistas e nacionalistas practican con esta zona, “xa que sempre dan as costas ao medio rural, á agrogandeiría e ao interior e o seu único compromiso con este territorio, do que só se lembran nas eleccións, é buscar un titular de prensa moi rimbombante, pero baleiro de contido, como ben saben os veciños, que o demostran cos altos niveis de apoio ao PP, o único partido que sempre está ao seu carón”.

0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page