José Luis Camiñas: "Rodeiro volve quedar no caixón do esquecemento da Xunta de Galicia"
- ecosdacomarca

- hace 12 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O Concello de Rodeiro lamenta profundamente que, "unha vez máis, os orzamentos da Xunta de Galicia deixen ao noso municipio completamente á marxe das súas prioridades. Rodeiro volve quedar, como xa aconteceu nos últimos vinte anos, no caixón do esquecemento institucional, sen recibir nin unha soa inversión significativa por parte do Goberno galego".

O alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas, manifesta o seu malestar tras comprobar que proxectos fundamentais para o futuro do municipio, como a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) —cun investimento superior aos 3 millóns de euros e que conta xa co proxecto técnico executado—, quedaron fóra dos orzamentos autonómicos. “A Xunta de Galicia volve dar as costas a Rodeiro. Tiñamos a esperanza de que, despois de tantos anos de promesas, a EDAR se incluíra nestes orzamentos. É un proxecto necesario, con planificación e documentación lista, pero unha vez máis somos invisibles para Santiago”, denuncia o rexedor.
O rexedor subliña que esta exclusión non é un feito illado, "senón a continuidade dunha actitude de abandono e discriminación territorial que Rodeiro sofre desde hai dúas décadas". "Nos últimos vinte anos, Rodeiro apenas recibiu inversións estruturais da Xunta. Parece que para o Goberno galego, Rodeiro non existe. Mentres outros concellos ven chegar recursos e obras, aquí seguimos esperando o que é xusto e necesario para os nosos veciños”, engade.
Publicidade
Entre as peticións trasladadas polo Concello á Xunta de Galicia figura tamén a reparación integral do firme da estrada PO-533, no tramo que vai dende a Lalín ata o Alto do Faro. O alcalde lembra que a parte desta vía que discorre dende o Alto do Faro ata Chantada xa foi completamente asfaltada de novo, polo que resulta incomprensible que Rodeiro quede outra vez fóra das actuacións de mellora. “Non é de recibo que se arranxen as estradas na provincia de Lugo na provincia de Pontevedra quede todo sen tocar. Esta é unha mostra máis de como nos deixan no olvido”, recalcou o alcalde.
Outra das demandas fundamentais que o Concello esperaba ver reflectida nestes orzamentos é a promoción de vivenda pública en Rodeiro, unha medida imprescindible para frear a perda de poboación e garantir que os mozos e mozas poidan desenvolver o seu proxecto de vida no municipio. “No casco urbano de Rodeiro todas as vivendas dispoñibles están ocupadas. Se non se impulsa vivenda pública, os nosos veciños veranse obrigados a marchar a concellos limítrofes. Non podemos permitir que a falta de planificación e investimento condene a Rodeiro a perder poboación ano tras ano”, advirte o rexedor.
Publicidade
O Concello de Rodeiro esixe que o Goberno galego rectifique e inclúa de maneira urxente a EDAR, a reparación da PO-533 e a promoción de vivenda pública dentro das modificacións orzamentarias ou plans complementarios do próximo exercicio. “Non pedimos privilexios, pedimos o que nos corresponde. Rodeiro non pode seguir no albido da Xunta”, conclúe Camiñas.








Comentarios