top of page

Jesús Otero non encabezará a lista do PP de Vila de Cruces nos vindeiros comicios municipais

"Chegou o momento de deixar paso ás novas xeracións de mozos e mozas que temos neste concello, para que loiten por un futuro e que non se conformen con manter o que hai"


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O popular e exalcalde de Vila de Cruces Jesús Otero enviou este luns un comunicado aos medios onde anunciou que non encabezará a lista do seu partido nas vindeiras eleccións municipais, as de 2027. Ademais, no escrito fixo un repaso de todos os logros durante o seu cargo como rexedor.

O seu comunicado:

40 anos de servizo público e compromiso con Vila de Cruces

"O 31 de marzo de 1986 comecei a formar parte do Partido Popular. O 31 de marzo de 2026 cúmprense 40 anos de servizo coa vida pública e co desenvolvemento do noso concello.


Durante estas catro décadas estiven baixo a responsabilidade de distintos presidentes; D. Xerardo Fernández Albor, D. Manuel Fraga, D. Alberto Núñez Feijóo e D. Alfonso Rueda, así como dos Presidentes da Deputación de Pontevedra D. Mariano Rajoy, D. César Mera, D. Rafael Louzán, D. Manuel Abeledo e D. Luis López Diéguez.


Ao longo destes anos traballouse intensamente para impulsar numerosas infraestruturas e melloras que contribuíron ao progreso de Vila de Cruces. Entre elas destacan a construción e mellora de estradas como as que unen Silleda-Vila de Cruces, Vila de Cruces-Arzúa e Vila de Cruces-Lalín. Tamén se levaron a cabo importantes construcións en pontes, entre elas a ponte nova e a ponte vella da Remesquide, a ponte Sulago en Merza e a ponte nova de Gres.


Modernizamos as nosas aldeas con parques infantís, reformáronse todas as liñas de subministro de enerxía eléctrica aos lugares das parroquias e dotouse a todas as parroquias de telefonía fixa a través de teléfonos sen cable.


Realizáronse obras de mellora urbana coa construción de beirarrúas en parroquias como Gres, Merza, Piloño, Duxame, Castro Cumeiro e Vila de Cruces. Impulsáronse ademais infraestruturas clave para o servicio público, como a construción do centro de saúde de Vila de Cruces e o consultorio médico de Merza. Construíuse a nova casa consistorial e reformáronse as dúas prazas principais de Vila de Cruces. Tamén se levou a cabo a construción do novo xulgado, a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas e a avenida Benigno Sánchez.


No ámbito cultural e social impulsáronse importantes equipamentos, como o Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces, o Auditorio Valero Guzmán en Merza, o Auditorio Bernardo del Río en Gres e o Auditorio Minas de Fontao. Tamén se fixo a Praza da Música en Merza.


No ámbito educativo construíronse o IES Marco do Camballón con implantación de dous ciclos, un de soldadura e un sociosanitario e construíuse a escola infantil Galiña Azul.

 PUBLICIDADE


Tamén se puxeron en marcha infraestruturas sociais e deportivas, como a Residencia Municipal de maiores de Vila de Cruces, o pavillón deportivo ou pistas polideportivas en Vila de Cruces e Merza. Construción do parque público en fronte da Residencia de maiores. Construción do campo de fútbol de Vila de Cruces con herba sintética. Recuperouse o Poboado Mineiro de Fontao.


Dotáronse a varias parroquias con rede de saneamento e construción de depuradoras de auga residuais, como Añobre, Tirabá en Camanzo, Paxariñas en Piloño, Gres, Merza, Fontao e San Pedro de Losón. Dotáronse de auga pública as parroquias de Fontao, Merza, Gres, Toiriz e Bodaño, entre outras. Púxose en marcha o matadoiro público de Vila de Cruces. Creáronse dúas áreas recreativas públicas, a Remesquide e A Carixa.


Construíronse locais sociais no 90% das parroquias: Losón, Fontao, Bodaño, Oirós, Besexos, Cumeiro, Ferreirós, en Ollares construíronse dous, Loño, Larazo, Portodemouros, Insua, Duxame, Carbia, Salgueiros, Añobre, en Camanzo dous, Gres, Bascuas, Asorei e Merza. Leváronse a cabo as concentracións parcelarias nas seguintes parroquias; Losón, Bodaño, Sabrexo, Larazo, Insua, Duxame, Portodemouros, Santomé de Obra, Añobre, Camanzo, Gres, Bascuas e en Brandariz (aínda a día de hoxe sen rematar).


Aportáronse de fondos do concello 100.000.000 pesetas para a urbanización do polígono de iniciativa dos empresarios do Camballón. Compramos máis de 50.000 metros de terreo para desenvolver o polígono público de Aguillóns.


Promocionamos as nosas culturas musicais das bandas Artística de Merza e Unión Musical Ponteledesma, levándoas a Venezuela, Arxentina, Roma, Italia e Francia e axudamos a crear os grupos musicais: O Pumariño e Voces da Terra. Axudamos a promocionar as corais e os grupos folclóricos. Creamos un referente gastronómico a nivel de Galicia e España como era a festa do Galo de Curral. Promocionamos o turismo rural de Vila de Cruces e a nosa gastronomía polos Centros Galegos de España.


Todo este legado que deixamos foi posible gracias a todas as persoas que colaboraron, dende concelleiros ata distintas administración públicas que sempre nos axudaron a traer cousas para Vila de Cruces. Sempre fun un referente de Cruces en todos os cargos que desempeñei na vida pública. Como concelleiro dende os anos 80, alcalde durante 29 anos, deputado provincial e deputado no Congreso en Madrid. Tamén fun membro da Xunta Directiva nacional da federación de embalses. Formei parte da Comisión de Control da Caixa Galicia. Fun Secretario Xeral do Leader Portodemouros, onde en Vila de Cruces se impulsaron varias casas de turismo rural e axudamos a varios establecementos a mellorar as súas instalacións.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Con todo isto, o máis importante para min sempre foi estar ao servicio dos veciños e veciñas. O meu obxectivo sempre foi madrugar e ser o primeiro en abrir a porta do Concello para atender a todos aqueles veciños e veciñas que necesitaban xestionar algo antes de desprazarse para os seus postos de traballo.


Deixo as miñas responsabilidades como presidente do comité local do Partido Popular de Vila de Cruces e tamén comunico que non me presentarei a Alcalde nas próximas eleccións municipais.


Por todo esto animo a xente nova, a todos e todas, a unir forzas para ter un Alcalde ou

Alcaldesa do Partido Popular, que loite día e noite para conseguir infraestruturas de progreso. Temos que ter ilusión e esperanza para que entre todos poidamos facer unha Vila de Cruces onde a xuventude poida traballar, estudar e formar unha familia.

Seguirei estando a disposición dos meus veciños e veciñas para todo aquelo que necesiten. Seguirei estando a disposición do Partido Popular para aquelo que estimen oportuno.


Adeus, Adeus,


O meu corazón segue sendo grande para esta terra de Vila de Cruces estea onde estea".


SUSO OTERO

31-03-1986 31-03-2026



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page