O goberno municipal leva a pleno este venres a contratación da mellora da zona deportivo
escolar de Silleda, cun investimento de máis de 800.000 euros
Laura Moure/Silleda
A Corporación Municipal de Silleda celebrará este venres (11:00 horas) a sesión ordinaria correspondente a marzo, que se adiou por cadrar en Semana Santa. Na orde do día figuran diferentes puntos, entre eles o inicio da contratación das obras de Mellorar da
Mobilidade e Rexeneración Urbana na avenida Recinto Feiral e a rúa Arturo Pérez Lázara, onde se concentran o CEIP, pavillón polideportivo, campo de fútbol e Escola de Música.
Unha vez aprobado xa o proxecto, agora sometese ao visto bo do Pleno os pregos para a contratación dos traballos cun orzamento de 893.189,62 euros, que se financiarán de acordo co convenio de colaboración ca Deputación de Pontevedra, a través do programa PON2030.
A sesión inclúe na orde do día varias cuestións. Así, figura a aprobación do convenio para adherirse á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Entre as vantaxes desta central figura a simplificación na busca de proveedores de bens, subministros ou servizos, ao encargarse este organismo estatal da selección e valoración das ofertas para contratos públicos.
Así mesmo, figuran tamén varios asuntos no plano económico. Así darase conta da liquidación correspondente ao exercicio de 2023, de novo cun resultado positivo de 1,6 millóns de euros, e someterase a aprobación do Pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito para o abono de facturas do ano anterior, por un importe total de 150.054,63 euros.
Publicidade
Préstamo “ponte” por valor de 239.683,18 euros
Por outra banda, o goberno municipal volve a incluir na orde do día a petición dun crédito “ponte” para financiar a aportación municipal ás obras do DUS 5000 que se están a acometer na Bandeira, ca reforma integral da praza da vila e as rúas adxacentes. Neste caso a proposta xa fora formulada “in voce” pola Alcaldesa na anterior sesión, cando se
propuxo unha operación similar para esta actuación e os Camiños Escolares ao IES, e que ao igual que a anterior se liquidará en canto chegue a aportación de máis de 600.000 euros do IDAE, correspondente a aportación da rúa Progreso que xa foi confirmada o pasado día 15 de marzo.
Despedida
A sesión do venres será tamén a despedida de Jesús Taboada Lázara como membro da Corporación de Silleda. Taboada Lázara, veciño de Laro, e que foi concelleiro de Medio Rural nestas últimas lexislaturas, vén de presentar a súa renuncia ao cargo por cuestións familiares. “Todas e todos sabemos da difícil situación persoal pola que está a pasar o noso compañeiro, a quen agradecemos todos estos anos de adicación e traballo”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
Taboada Lázara é concelleiro da Corporación silledense dende o ano 2015, cando figurou por primeira vez na candidatura liderada por Manuel Cuiña. O seu posto será ocupado pola persoa seguinte na lista: Asunción García Hernández, gandeira de profesión e veciña da parroquia de Escuadro, que figuraba como número 8 na candidatura.
Comments