top of page

Gómez sinala que o edificio de servizos integrados da Xunta en Lalín se atopa na súa fase final

A conselleira do Medio Rural visitou onte as obras dunha infraestrutura que supón un investimento de preto de 4 M€ e puxo en valor o seu carácter “integral”, ao agrupar nun só lugar os diferentes servizos que se prestan á cidadanía


Ecos da Comarca/Lalín

A Consellería do Medio Rural, María José Gómez, salientou onte que o novo edificio de servizos integrados da Xunta en Lalín “está moi avanzado” e que se atopa xa na súa fase final. Foi nunha visita ás obras desta infraestrutura, na que estivo acompañada pola secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés, e polo alcalde, José Crespo.

Segundo explicou Gómez, nas vindeiras semanas acometeranse diferentes traballos, tanto no interior como no exterior do edificio e na súa fachada. Así, no interior remataranse os acabados, procederase á montaxe de carpinterías e panelados de madeira e continuarase coas instalacións de electricidade, climatización e fontanería. Na parte exterior levaranse a cabo tarefas de impermeabilización e pavimentación da planta de acceso e na fachada procederase á execución dos sistemas de protección solar.


A conselleira destacou que o novo edificio, que supón un importante esforzo orzamentario de preto de 4 millóns de euros, “permitirá dar o mellor servizo posible aos veciños desta localidade en particular e de toda a comarca do Deza en xeral”. E valorou que se atope nunha “zona de ensanche de Lalín, e de fácil acceso, algo tamén moi importante á hora de dar servizos”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Sinalou ademais o seu carácter “integral”, agrupando diferentes servizos de todo o que ten que ver co medio rural, algo moi relevante -explicou-, xa que en Lalín e na comarca do Deza “é esencial a produción agrogandeira”. Por isto, subliñou, “os agricultores e gandeiros da contorna van ter aquí o seu centro de referencia”.


Nesta liña, cómpre lembrar que Lalín é o municipio galego con máis explotacións de vacún de leite, cun total de 256, e que ocupa o segundo posto en produción, tras Mazaricos, con preto de 113 millóns de litros anuais. Así mesmo, Rodeiro e Silleda están entre os 25 concellos galegos máis produtores, aqueles que superan os 30 millóns de litros ao ano.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Características do edificio

A edificación conta con máis de 2.400 m² construídos, distribuídos en cinco andares, máis a urbanización exterior, e que se estrutura en tres volumes diferenciados, o soto semisoterrado, a planta baixa e o volume superior de tres plantas.


O edificio agrupará os servizos agrarios e de infraestruturas, os veterinarios, forestais, ambientais, de administración xeral e o rexistro da Xunta, facilitando os trámites á cidadanía. Hai que sinalar tamén o valor engadido destas instalacións, ao contar con espazos flexibles para reunión, formación e coordinación técnica; accesibilidade e funcionalidade para persoal e veciños; e polo feito de apostar pola eficiencia enerxética.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page