Greenpeace oponse frontalmente á macrogranxa avícola de Agolada
Envíou alegacións contra este proxecto
Ecos da Comarca/Agolada
Greenpeace enviou, dentro do prazo establecido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade para o proceso de información pública, alegacións como forma de mostrar a súa frontal oposición ao proxecto de macrogranxa de galiñas poñedoras que a mercantil Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. pretende construír en Agolada.
Salienta que Galicia soporta xa unha desmesurada cabana gandeira, tal e como indica o informe recentemente elaborado pola Comisión Europea no que se analiza a aplicación da Directiva de Nitratos durante o período 2020-23 e no que se establece que a carga gandeira de Galicia é de 2,3 UGM/ha, só por detrás de Cataluña con 3 UGM/ha, e moi por riba da media estatal e europea de 0,7 UGM/ha. Precisamente, por mor deste tipo de contaminación, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou en febreiro de 2025 – e posteriormente confirmada polo Tribunal Supremo – unha sentenza condenatoria na que se consideraba que tanto a Xunta de Galicia como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil non actuaron perante a degradación ambiental causada no encoro das Conchas, na Limia (Ourense) debido á gandaría intensiva e as súas macrogranxas.

"Asemade, a comarca de Deza (conca do Ulla), onde se situaría a explotación, xa soporta unha presión gandeira superior á da Limia antes da construción desta macrogranxa, e o encoro de Portodemouros, augas abaixo de Agolada, está a seguir a mesma traxectoria acelerada de colapso ecolóxico que o anteriormente citado encoro das Conchas", apunta.
Diante desta situación, a Xunta decretou o pasado 22 de setembro unha moratoria temporal e parcial de dous anos para a instalación de granxas de porcino, bovino e avícolas na conca do río Limia. A pesares de que esta moratoria é de xeito claro insuficiente, dende Greenpeace consideran "que é totalmente inconsistente e incoherente que se sigan a autorizar explotacións de gandaría intensiva noutras comarcas – máis aínda destas dimensións e coa presión gandeira que xa soporta a zona – e que así se exporte o problema dun sitio ao outro e se repliquen as negativas consecuencias ambientais, sociais e económicas que xa se viu que desenvolve este nefasto modelo de gandaría, chegando mesmo á vulneración dos dereitos básicos dos veciños onde se instalan estas explotacións".
PUBLICIDADE
“Diante dos graves problemas sociais, ambientais e de crueldade animal que xera a gandaría industrial e á xa excesiva carga gandeira existente en Galicia, e en especial na comarca do Deza, dende Greenpeace demandamos a paralización inmediata do proxecto de macrogranxa de galiñas para Agolada e que se decrete unha moratoria firme e sen fisuras para toda Galicia”, afirmou Luís Ferreirim, responsable de gandaría de Greenpeace España.
"Lamentabelmente, vemos como unha e outra vez poñen sobre a mesa proxectos avícolas de enormes dimensións e isto é debido a que a actual lexislación que regula o sector avícola – o Real Decreto 637/2021, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas – non establece un tamaño máximo para as explotacións, coma si o fai, por exemplo, o que regula o sector vacún".
É de salientar, apunta, "tamén o impacto negativo que este proxecto tería sobre as masas de auga no que respecta á contaminación por nitratos, un problema cada vez máis grave en todo o Estado español e tamén en Galicia, por mor da inxente cantidade de excrementos que xeran las macrogranxas" e engade que "o actual proxecto situaríase sobre un acuífero que aínda está clasificado como en “bo estado” e que hai que preservar baixo todas as circunstancias, porque as masas de auga subterráneas son as reservas estratéxicas de auga e de onde, neste caso, bebe a poboación de Agolada e outros concellos".
"Por causa da gravidade deste tipo de contaminación no Estado español, e a que seguimos incumprindo a Directiva de Nitratos a pesares da persecución de Bruxelas, hai uns meses a Comisión Europea enviounos un ultimato que, de non cumprirse, vai rematar nunha multa millonaria que pagarán as persoas contribuíntes e non quen contamina, nin quen permite que se envelenen as augas".
PUBLICIDADE
Para rematar, Greenpeace manifesta o seu apoio "ás xustas reivindicacións veciñais da comarca do Deza contra a gandaría industrial, así como ás mobilizacións e alegacións presentadas polas persoas e organizacións sociais agrupadas ao redor de Stop Macrogranxas Agolada".
Documento de alegacións AQUÍ
O prazo para presentar alegacións remata hoxe, 10 de novembro.
NOTICIAS RELACIONADAS:
A Xunta tramita o proxecto dunha granxa de 365.500 galiñas poñedoras en Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-tramita-o-proxecto-dunha-granxa-de-365-500-gali%C3%B1as-po%C3%B1edoras-en-agolada
O Sindicato Labrego Galego alegará contra a macrogranxa de 365.500 galiñas de Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-sindicato-labrego-galego-alegar%C3%A1-contra-a-macrogranxa-de-365-500-gali%C3%B1as-de-agolada
O BNG de Agolada alerta do impacto da explotación de 365.500 galiñas e reclama unha avaliación: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-agolada-alerta-do-impacto-da-explotaci%C3%B3n-de-365-500-gali%C3%B1as-e-reclama-unha-avaliaci%C3%B3n
Stop Macrogranxas Agolada alerta dos riscos da explotación de 365.400 galiñas:https://www.ecosdacomarca.com/post/stop-macrogranxas-agolada-alerta-dos-riscos-da-explotaci%C3%B3n-de-365-400-gali%C3%B1as
Stop Macrogranxas Agolada supera as 1.000 alegacións contra a macrogranxa de 365.000 galiñas: https://www.ecosdacomarca.com/post/stop-macrogranxas-agolada-supera-as-1-000-alegaci%C3%B3ns-contra-a-macrogranxa-de-365-000-gali%C3%B1as









Comentarios