Rodeiro reforza a súa aposta cultural coa representación teatral 'Cotorras', de Malasombra
A cita será o vindeiro sábado 14 de novembro
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro continúa a desenvolver a súa aposta pola promoción da cultura e pola dinamización da vida social do municipio cunha nova proposta incluída no programa +Escénicas, promovido pola Deputación de Pontevedra. Nesta ocasión, a programación traerá a Rodeiro a obra Cotorras, da compañía teatral Malasombra, nunha representación que terá lugar o vindeiro sábado, 14 de novembro, ás 21:00 horas.

A iniciativa enmárcase na liña de traballo impulsada pola Concellería de Cultura, dirixida por Xulia Dacal, orientada a consolidar unha programación diversa e de calidade, facilitar o acceso da cidadanía ás distintas manifestacións culturais e fomentar a participación da veciñanza na actividade cultural do municipio.
Neste sentido, a responsable da área de Cultura pon en valor a importancia de manter unha oferta de actividades que permita achegar o teatro e as artes escénicas a todos os públicos, contribuíndo ao enriquecemento cultural da localidade e á dinamización dos seus espazos públicos.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Alberte Lamazares, destaca o compromiso do Goberno municipal co impulso de iniciativas que reforcen a vida cultural de Rodeiro, favorezan a participación cidadá e contribúan a facer do municipio un espazo activo tamén desde o punto de vista cultural.
A representación de Cotorras», da compañía Malasombra, celebrarase no Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares, ás 21.00 horas, e contará con entrada de balde, co obxectivo de garantir o acceso á actividade ao conxunto da cidadanía.
PUBLICIDADE
O Concello de Rodeiro agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa +Escénicas e anima a veciñanza a asistir a esta nova cita cultural, reafirmando así o seu compromiso coa promoción e difusión das artes escénicas como parte fundamental da oferta cultural municipal.









Comentarios