Gandeiros e Gandeiras Eles Elas pide estar nas mesas de control da Lei da Cadea Alimentaria
- ecosdacomarca

- hace 23 minutos
- 2 min de lectura
O sector lácteo e cárnico pide á Consellería de Medio Rural a súa incorporación inmediata aos órganos de control e seguimento da normativa
Ecos da Comarca/Xeral
A Asociación Gandeiros e Gandeiras Galegos Elas Eles fixeron pública a súa solicitude formal á Consellería do Medio Rural para seren incorporados de maneira inmediata ás mesas de control e seguimento da Lei da Cadea Alimentaria, tanto no ámbito do sector lácteo como no da carne.

O colectivo reclama contar nestes órganos coa mesma presenza e capacidade de interlocución que se lles recoñece noutras reunións e espazos de participación relacionados co sector primario.
Os produtores consideran que, a pesar de seren o primeiro elo da cadea de produción e un dos máis expostos á presión sobre os prezos, están quedando fóra dos espazos nos que se supervisa o cumprimento da lexislación vixente.
"Non ten sentido deixar fóra a quen asume todo o risco"
A Lei da Cadea Alimentaria ten entre os seus principais obxectivos evitar a venda a perdas e protexer aos produtores fronte a posibles abusos de poder na negociación coa industria e coa distribución. Porén, os gandeiros consideran que o control efectivo da normativa require contar coa súa participación directa.
PUBLICIDADE
"Non ten sentido que se fale de controlar custos e prezos transparentes mentres se deixa fóra da mesa a quen asume todo o risco económico da actividade", sinalan desde o colectivo.
Neste sentido, defenden que a súa presenza nas mesas de control permitiría trasladar de primeira man a realidade económica das explotacións e os custos reais de produción, entre eles os derivados dos pensos, a enerxía ou o combustible.
Ademais, consideran fundamental poder contribuír á comprobación do cumprimento da normativa por parte das industrias, especialmente no relativo á formalización dos contratos e ás condicións nas que se establecen as relacións comerciais.
PUBLICIDADE
Reclaman unha incorporación "sen máis dilacións"
Coa solicitude presentada ante a Administración autonómica, Elas Eles reclama que se formalice a súa incorporación a estes órganos "sen máis dilacións". O sector considera que a súa participación pode contribuír a mellorar a transparencia da cadea de valor, favorecer un maior control sobre o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e avanzar cara a unha maior estabilidade do mercado.
O obxectivo último, apuntan, é garantir unhas condicións máis xustas para as explotacións de leite e carne de Galicia e asegurar un futuro digno para as persoas que viven da actividade gandeira.








Comentarios