Galicia é a terceira comunidade máis segura de España
- ecosdacomarca
- hace 17 horas
- 2 Min. de lectura
O delegado do Goberno en Galicia sinala que o primeiro trimestre deste ano consolida a tendencia de estabilidade no volume de infraccións penais cometidas en Galicia
Ecos da Comarca/Xeral
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, celebrou hoxe que Galicia revalide no primeiro trimestre deste ano a súa posición como terceira comunidade máis segura de España, segundo o Balance de Criminalidade que vén de publicar esta mañá o Ministerio do Interior. Da análise das cifras deste informe, o delegado significou unha nova mellora da taxa de eficacia policial, que segue a ser a mellor dos últimos oito anos, e pola que felicitou ao Corpos e Forzas de Seguridade en Galicia.

Pedro Blanco sinalou que as cifras publicadas hoxe certifican unha tendencia á estabilidade no volume de infraccións penais cometidas en Galicia e, polo tanto, dos índices de seguridade. Así, ao remate do primeiro trimestre deste ano 2025, a taxa de criminalidade en Galicia é de 35,3 delitos por cada 1.000 habitantes, a mesma cifra rexistrada no trimestre inmediatamente anterior. No tocante ás infraccións penais, Galicia rexistrou entre xaneiro e marzo deste ano 23.308 infraccións penais, fronte ás 23.082 rexistradas no mesmo período en 2024. Con respecto á media nacional, Galicia sitúase case 15 puntos por debaixo da taxa de criminalidade rexistrada no conxunto de España.
Eficacia policial
O delegado puxo en valor os resultados operativos dos Corpos e Forzas de Seguridade derivados do Balance do Ministerio, e que apuntan a unha melloría da eficacia policial en Galicia, que se suma aos sucesivos incrementos dos últimos balances.
No primeiro trimestre deste ano esta taxa alcanzou o 44,1 das infraccións penais coñecidas en Galicia, un 2,3% máis elevada que a do último trimestre, e a mellor dos últimos oito anos.
Cibercriminalidade
O delegado volveu poñer o foco na ciberdelincuencia, que volve a repuntar no primeiro trimestre deste ano 2025 cunha suba do 14% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Esta suba apóiase fundamentalmente nas estafas informáticas. Os datos recollidos polo Balance deste primeiro trimestre indican que case o 30% dos delitos coñecidos en Galicia entre xaneiro e marzo empregaron medios informáticos na súa execución e que nove de cada dez se inscríben na categoría de estafas.
Pedro Blanco sinalou que, de excluír a cifra de ciberdelitos do cómputo global galego, a criminalidade no primeiro trimestre acumularía unha baixada do 2,5%.
Publicidade
Neste epígrafe, o delegado quixo destacar o esforzo dos efectivos de Policía Nacional e de Garda Civil especializados neste tipo de delincuencia, pois neste trimestre elevaron nun 25% o esclarecemento das estafas cometidas por estes medios electrónicos.
Balance de Criminalidade do Primeiro Trimestre
O Ministerio do Interior publica nesta ligazón o informe completo cos datos por provincias, por cidades de máis de 10.000 habitantes e municipios de máis de 20.000 habitantes.
Comments