Galicia reclamará un monte galego con futuro na manifestación convocada para o domingo 14
- ecosdacomarca
- hace 3 minutos
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Representantes das entidades que conforman a Plataforma "Por un Monte Galego con Futuro", entre elas ADEGA, fixeron onte, en rolda de prensa, un chamamento a participar masivamente na manifestación convocada para o vindeiro domingo, 14 de setembro, en Compostela, baixo o lema "A política forestal da Xunta é quen nos queima! Por un monte galego con futuro. Lumes Nunca Máis".Trátase dunha mobilización coa que se quere denunciar a responsabilidade da Xunta de Galiza nos devastadores incendios que arrasaron máis de 150.000 hectáreas, especialmente nas comarcas de Ourense, e esixir un cambio radical nas políticas forestais, agrarias e ambientais.

O manifesto salienta que a vaga de incendios, que se estendeu de norte a sur e de leste a oeste de Galiza, é unha nova traxedia ambiental, social, cultural e económica, que pode compararse cun “Prestige do interior”. As entidades alí presentes responsabilizaron dela á Xunta de Galiza "polo abandono do rural, as políticas agrarias nefastas e o monocultivo de especies de crecemento rápido, como o eucalipto. Causas que consideraron chaves destes incendios, agravadas pola mudanza climática". Xunto a isto, criticaron "a inacción do goberno galego do PP que, ano tras ano, permite a propagación do lume en comarcas rurais e zonas próximas ás cidades, con extensións crecentes cando as condicións climáticas son adversas". Tamén denunciaron "as consecuencias que isto tivo a nivel humanitario, con persoas queimadas, casas arrasadas e milleiros de evacuadas, abandonadas pola Xunta ante a falta de medios. Unha situación fronte á que salientaron a resistencia das aldeas, co apoio de soutos, carballeiras e fragas".
Demandas
Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA, puxo o foco na necesidade de que as políticas teñan en conta o contexto de cambio climático que vivimos. Urxiu o desenvolvemento de accións de recuperación e restauración nas zonas afectadas, e en especial nos espazos naturais. Neste sentido, puxo en valor o voluntariado en defensa do monte galego e esixiu ao goberno da Xunta que dote estas actuacións dos recursos necesarios para que "non volvamos sufrir a falta de medios e desorganización que vivimos no momento de apagar os incendios forestais". "As galegas e os galegos estamos nunha situación de absoluto abandono e desprotección ante estas situacións de extremo risco. Non podemos seguir así", sentenzou.
Ademais, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, acusou as políticas forestais do Partido Popular de ser "por acción ou por inacción, o combustible que fai que o noso territorio, especialmente nas zonas rurais, se converta nun polvorín"; e reclamou un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, profesional e permanente, para facer fronte á extinción e prevención. Ao fío, a Plataforma manifestou a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores de prevención e extinción, que actuaron en precariedade mentres o presidente Alfonso Rueda pedía axuda ao Estado con 190 prazas sen cubrir.
Publicidade
O veciño de Santiso Serxio Núñez, da Plataforma Ulloa Viva, asegurou, pola súa banda, que o "atentado ecolóxico" que significa a mala xestión dos lumes ten moito que ver co "expolio e o abandono deliberado do medio rural, en contra da veciñanza e e en favor de proxectos extractivistas", como é o caso da macrocelulosa de Altri ou a mina de Touro-O Pino NON.
Tamén Cristóbal López, de Ecoloxistas en Acción, debullou os impactos ambientais destes incendios forestais, puxo en valor esas matogueiras que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, utilizou para minimizar os efectos dos incendios; e demandou suspender a tempada de caza, manter a moratoria do eucalipto ou non entregar estas zonas queimadas as lobbyes enerxéticos ou mineiros. Finalmente, Diego Sánchez, do Sindicato Labrego Galego, advertiu das graves consecuencias para os sectores agrario e apícola, porque cultivos, forraxe e zonas de alimentación das abellas foron destruídas e convertidas en cinzas.
Publicidade
Ao longo da rolda de prensa, as entidades tamén reclamaron a reactivación das liñas de axuda para a valorización do monte, as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) e o Voluntariado en Defensa do Monte Galego, ferramentas que demostraron eficacia.Entre as demandas que se levarán á mobilización do vindeiro domingo salientan:
Un servizo público de extinción e prevención, evitando a privatización.
Declaración de “zona catastrófica” con axudas inmediatas para recuperación.
Accións para evitar a erosión e restaurar solos e ecosistemas.
Suspensión da tempada de caza e pesca nas zonas afectadas.
Políticas para preservar biodiversidade, recuperar usos tradicionais e fixar poboación no rural.
Apoio a comunidades de montes e propiedade particular para unha xestión forestal sustentable.
Moratoria indefinida para plantacións de eucaliptos e especies pirófilas, con alternativas.
Axuda material e técnica para explotacións agropecuarias afectadas.
Un modelo industrial da madeira que peche ciclos produtivos.
A Plataforma convida á cidadanía a sumarse á manifestación do 14 de setembro para esixir á Xunta un cambio nas súas políticas e frear a manipulación e a propaganda baleira sobre o rural.“Non queremos que o monte sexa pasto do lume e da especulación. Lumes Nunca Máis”, conclúen.
Comentarios