Forno reivindica que “por fin se faga realidade o Bono Comercio en Lalín, unha proposta do PSOE"
“Levamos moito tempo defendendo que Lalín necesitaba unha ferramenta destas características e, aínda que chegue tarde, alegrámonos de que finalmente se poña en marcha”, sinalou
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, animou onte aos comercios e á veciñanza a participar na primeira edición do Bono Comercio, que comezará o próximo 13 de outubro e celebrou que “por fin se faga realidade unha iniciativa pola que levamos anos traballando desde o Partido Socialista”. Con todo, a candidata considera que a dotación de 20.000 euros é insuficiente para unha campaña destas características e comprometeuse a que o programa conte cun mínimo de 40.000 euros de investimento municipal. “Queremos que esta primeira experiencia funcione, pero tamén queremos que teña a dimensión que merece o comercio de Lalín e consideramos que o plan pode ser moito máis ambicioso”, afirma.

Forno lembra que o Bono Comercio é unha proposta que liderou o PSOE de Lalín xa desde o pasado mandato e que foi aprobada por unanimidade no Pleno en decembro de 2023. “Levamos moito tempo defendendo que Lalín necesitaba unha ferramenta destas características e, aínda que chegue tarde, alegrámonos de que finalmente se poña en marcha”, sinala. Para a candidata “agora o importante é que funcione, que os comercios se adhiran e que a veciñanza utilice os bonos”.
PUBLICIDADE
A socialista incide en que se trata dunha iniciativa que permite converter directamente os recursos públicos en consumo no comercio local “e iso é o que levamos anos defendendo: unha política de apoio ao comercio na que podemos saber canto investimos e canto consumo xeramos”, Así, Forno reivindica que esta é unha proposta medible que permite saber con claridade os cartos chegan directamente aos establecementos de Lalín e quedan en Lalín.
Forno lamenta ademais o tempo perdido desde que a iniciativa foi aprobada polo Pleno hai case tres anos. Considera que non hai ningún motivo para ter que chegar a finais de 2026 para poñer en marcha unha campaña que podía estar funcionando desde hai tres anos e subliña que “cada edición que non se fixo foi diñeiro que deixou de mobilizarse no noso comercio local”. Neste sentido, considera significativo que o programa se active finalmente ás portas do ano electoral, pero insiste en que “o importante agora non é quedar na crítica, senón conseguir que funcione e consolidalo para os próximos anos”.
PUBLICIDADE
A socialista enmarca esta iniciativa no proxecto VIVIR · QUEDAR · COIDAR, co que pretende reforzar a economía de proximidade e recuperar actividade nas rúas de Lalín.









Comentarios