top of page

Forno propón un Plan Municipal de Conciliación para garantir prazas e facilitar a organización das familias

A iniciativa busca ampliar a oferta de campamentos, mellorar o proceso de acceso e asignación das prazas e dar resposta ás necesidades reais das familias de Lalín

 


Ecos da Comarca/Lalín

O PSdeG-PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno unha moción para impulsar un Plan Municipal de Conciliación de carácter anual, co obxectivo de garantir prazas suficientes nos programas municipais e facilitar a organización das familias ao longo de todo o ano.

A voceira, Alba Forno, advirte de que, ano tras ano, especialmente durante os períodos non lectivos como o verán, son moitas as familias que teñen dificultades para acceder aos campamentos municipais. “A realidade é que a oferta actual non cobre a demanda e moitos nenos e nenas quedan fóra, obrigando ás familias a buscar alternativas que non sempre poden asumir ou a reorganizar a súa vida laboral con dificultades”, sinala.

 

Neste sentido, aposta por un cambio de modelo que permita “pasar da improvisación á planificación”. A proposta inclúe que o Concello elabore un plan anual con toda a oferta de conciliación e que se publique con antelación suficiente, antes de rematar o curso escolar, para que as familias poidan organizarse con tempo.

 

Ademais, Forno defende que o acceso aos programas “deixe de depender unicamente da rapidez que cada familia teña para realizar as solicitudes”. “Non pode ser unha carreira por ver quen chega antes. Hai que establecer criterios xustos para asignar as prazas, priorizando ás familias que realmente precisan conciliar por motivos laborais”, explica.

  PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A iniciativa tamén propón incrementar o número de prazas para evitar que nenos e nenas queden fóra, así como mellorar o sistema de inscrición, combinando a vía telemática coa presencial para garantir que todas as familias teñan as mesmas oportunidades de acceso.

 

Outro dos eixos da proposta é ampliar e diversificar a oferta de actividades, con campamentos urbanos, no rural e no mar e con propostas vinculadas ao deporte, á cultura e á natureza, adaptadas a diferentes idades.

  PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Alternativas para a mocidade

A moción incorpora tamén medidas dirixidas á mocidade, un colectivo que, segundo sinala Forno, conta con poucas alternativas de ocio durante os períodos vacacionais. Neste sentido, propón desenvolver programas específicos de actividades e poñer en marcha un servizo de transporte que permita aos mozos e mozas acceder a espazos de interese do municipio como o Pozo do Boi, a Fraga de Catasós ou o Pazo de Liñares, sen depender de medios privados. Desde o grupo municipal socialista subliñan que garantir a conciliación é fundamental para apoiar ás familias, fixar poboación e construír un Lalín con máis oportunidades.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page