Forno pide un maior apoio municipal ás comunidades de montes que dinamizan e coidan do rural lalinense
- ecosdacomarca

- hace 2 días
- 2 min de lectura
A voceira socialista visitou a Comunidade de Montes de Bermés para coñecer o seu modelo de xestión baseado na conservación do patrimonio, a dinamización social e os servizos
Ecos da Comarca/Lalín
A Comunidade de Montes de Bermés traballa diariamente para manter O Carrio limpo e dinámico. Para coñecer de primeira man o seu traballo, a voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, e o concelleiro Mario López reuníronse cos membros da directiva e visitaron a zona, onde reivindicaron “a importancia de que o Concello se implique con entidades que traballan diariamente para coidar os nosos montes e darlle vida ao rural”.

Durante o encontro, Forno puido comprobar como a comunidade leva anos impulsando un modelo que vai moito máis alá do aproveitamento forestal tradicional. A súa actividade baséase nos servizos ecosistémicos, entendendo o monte como un espazo de conservación, de lecer, de dinamización económica e social e de protección do patrimonio.
Entre as actuacións realizadas destacan a recuperación dos muíños tradicionais e a creación dun roteiro que permite coñecer este conxunto etnográfico, a posta en valor dos petroglifos existentes no Carrio ou a rehabilitación da capela de San Adrao, “contribuíndo así a preservar elementos de grande valor histórico e cultural para a parroquia e para o conxunto do municipio.”
PUBLICIDADE
Ademais, a Comunidade de Montes de Bermés mantén unha estreita colaboración coa vida social da parroquia, apoiando actividades culturais, organizando xantares e promovendo diferentes iniciativas ao longo do ano “que dinamizan o rural e fortalecen a convivencia veciñal”. Neste sentido, xa están a preparar unha actividade especial con motivo do eclipse solar previsto para o vindeiro mes de agosto, que permitirá ás persoas que se acheguen ao Carrio gozar deste fenómeno nun enclave privilexiado.
Outro dos aspectos que destacou Alba Forno foi o compromiso da comunidade coa creación de emprego, xa que conta con persoal contratado para desenvolver os distintos traballos de mantemento e conservación que require o monte ao longo de todo o ano.
PUBLICIDADE
"Estamos ante un exemplo de como unha comunidade de montes pode converterse nun verdadeiro motor para o territorio. Aquí cóidase o patrimonio, mantense limpo o monte, créanse oportunidades de emprego e ofrécense actividades que dinamizan a vida da parroquia", sinalou a voceira socialista. Forno considera que experiencias como a de Bermés demostran que existen modelos de xestión que merecen un maior respaldo por parte das administracións públicas, especialmente desde o ámbito local.
A socialista engadiu que "Lalín conta cun patrimonio natural e cultural extraordinario que, en moitas ocasións, permanece oculto. O labor que desenvolven comunidades como a de Bermés permite facer visible esa riqueza e convertela nun atractivo para a veciñanza e para as persoas que nos visitan. Desde as administracións temos a responsabilidade de acompañar e impulsar este tipo de proxectos, porque son fundamentais para construír un rural vivo, dinámico e con futuro".








Comentarios