top of page

Forno pide solucionar o abandono da Praza Europa e alerta do perigo nas zonas deskate e petanca

A voceira socialista de Lalín advirte de que pedras, lousas rotas e táboas con cravos

oxidados están a converter zonas destinadas ao deporte e ao lecer en espazos perigosos


Ecos da Comarca/Lalín

O PSdeG-PSOE de Lalín reclama ao Goberno municipal unha actuación urxente para poñer fin ao estado de deterioro que presentan varios espazos públicos do municipio, entre eles a Praza Europa e a zona de petanca situada no ámbito do Paseo Pontiñas.


Na Praza Europa, sobre o Parking Europa, a zona destinada á práctica do skate atópase actualmente nun estado que impide o seu uso con normalidade. As instalacións presentan

importantes desperfectos e acumulación de pedras e outros materiais sobre a superficie,

unha situación que, ademais de inutilizar este espazo deportivo, supón un risco evidente

para as persoas que intenten empregalo.

O problema, segundo denuncian os socialistas, non se limita á zona de skate. A propia

Praza Europa presenta numerosas lousas do pavimento rotas e diferentes elementos

deteriorados, ofrecendo unha imaxe de abandono nun espazo céntrico e de uso habitual por parte da veciñanza. A voceira socialista, Alba Forno, considera que “non é razoable que un espazo público destinado ao deporte e ao lecer se atope nestas condicións e que o Goberno municipal permita que se vaia deteriorando sen poñerlle solución”.


“Estamos falando, ademais, dunha cuestión de seguridade. As pedras sobre a zona de skate e as lousas rotas da praza poden provocar caídas e accidentes. O Concello ten a

responsabilidade de manter os espazos públicos en condicións adecuadas e debe actuar antes de que teñamos que lamentar algún dano”, sinala Forno.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Desde o PSOE lembran tamén que o propio alcalde anunciou en 2020 a intención de mellorar a zona de skate da Praza Europa. “Pasaron os anos e o que atopamos é unha

instalación deteriorada e unha praza que precisa dunha actuación de mantemento. Se o

Goberno municipal anunciou melloras, o que debe facer agora é executalas”, apunta a

voceira socialista.


Unha zona de petanca con táboas e cravos oxidados

Forno pon o foco tamén sobre o estado da zona de petanca situada no entorno do Paseo

Pontiñas, un espazo especialmente sensible ao estar situado nas proximidades de zonas de xogo infantil. O propio ámbito do Paseo Pontiñas concentra diferentes equipamentos

deportivos e de lecer, entre eles unha pista de petanca e parques.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Segundo a concelleira, na zona poden atoparse actualmente numerosas táboas

deterioradas, algunhas delas con cravos oxidados que sobresaen cara arriba, unha situación que consideran “absolutamente inadmisible” nun lugar polo que pasan persoas que practican este deporte e, especialmente, nenos e nenas que utilizan os espazos de ocio próximos.


“É difícil entender que unha zona situada ao carón de parques infantís poida ter táboas con

cravos oxidados apuntando cara arriba. Non estamos falando simplemente de que o espazo estea feo ou deteriorado: estamos falando dun risco que o Concello debe eliminar

inmediatamente”, denuncia Alba Forno. A voceira socialista reclama ao Goberno local que revise estas instalacións e retire ou substitúa de inmediato todos os elementos que poidan

provocar accidentes. “Non queremos que o Concello espere a que aconteza algo para

reaccionar. A prevención tamén forma parte da responsabilidade dun Goberno municipal”,

subliña.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Finalmente, o PSdeG-PSOE considera que o estado destas zonas evidencia a necesidade de reforzar as tarefas de conservación e mantemento dos espazos públicos de Lalín. “O

Concello non pode limitarse a inaugurar ou anunciar actuacións. Tamén ten que manter o que xa existe. A veciñanza merece espazos seguros, coidados e dignos, e iso é o mínimo que lle debemos esixir ao Goberno municipal”, conclúe Forno.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page