Forno esíxelle á Xunta e ao Concello que se cubra toda a demanda de prazas de escolas infantís en Lalín
- ecosdacomarca

- 15 oct
- 2 Min. de lectura
A portavoz socialista lamenta que, "un ano máis, máis dunha decena de familias se quedasen sen un servizo que é primordial e necesario para poder conciliar”
Ecos da Comarca/Lalín
Logo de pecharse o prazo extraordinario de matrícula do mes de setembro, as garderías infantís da Xunta de Galicia deixaron a 12 nenos e nenas de Lalín sen praza. Dende o PSOE de Lalín lamentan que a capital de Deza concentre a maior lista de espera da comarca: “É lamentable que todos os anos, numerosas familias de Lalín se queden sen posibilidades dunha praza e, polo tanto, teman ter que deixar os seus postos de traballo ou pagar por un servizo que debería chegar para todas”, subliña a portavoz socialista, Alba Forno.

A voceira reclámalle á Xunta de Galicia que amplíe o número de prazas nas escolas infantís de Lalín e “non se pode permitir que todos os anos haxa esta problemática. Queremos que a xente teña fillos, pero que servizos lle ofrecen? Se teñen que deixar os seus postos de traballo para poder atender aos nenos/as está claro que hai un problema”, alega Forno. Engade que na gardería privada tamén as prazas están cubertas, polo que tampouco teñen esa posibilidade en Lalín.
Así, lembra que no pleno do mes de maio, o actual concelleiro de Política Social, Avelino Souto, afirmou que non quedarían familias sen praza argumentando que neses momentos
“tan só había tres de Lalín, das seis que quedaran sen praza”. Por isto, Forno mostra o seu
malestar ante o “desprezo a esas tres familias de Lalín e ás tres de fóra, xa que non debería haber ningunha”. Engade que se “queremos que a xente veña traballar e vivir a
Lalín, teñen que ter garantía de poder ter aos seus rapaces nunha gardería”.
Publicidade
Por iso, tamén lle esixe ao Goberno de Crespo que pida á consellería de Política Social que
non “se esqueza da veciñanza de Lalín”, e recalca que as familias “preferirían pagar algo
máis, pero ter o servizo; está ben que vendan a gratuidade, por suposto, pero mellor sería
que as prazas chegasen para cubrir toda a demanda”.
A isto engade que o Goberno de Lalín "segue a mirar para outro lado neste problema: Non traballa co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para que haxa novas aulas, se é
necesario, nin estuda a posibilidade de dispor dunha Escola Infantil Municipal, como sucede noutros concellos coma o da Estrada, unha medida que serviría para poñer fin a
esta problemática”.







Comentarios