Forno demanda activar desde o Concello de Lalín as vivendas baleiras para aumentar a oferta de alugueiro
Lémbralle a Souto que “nós propoñemos solucións que dependen do Concello” e sinala que “culpar a outros non pon ningunha vivenda no mercado”
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, defendeu que o Concello debe asumir un papel activo ante as dificultades para atopar vivenda en Lalín e comprometeu a posta en marcha de medidas municipais para mobilizar pisos baleiros e aumentar a oferta de alugueiro.

Forno respondeu así ao portavoz do goberno municipal, Avelino Souto, a quen lle lembra "que podemos seguir buscando culpables fóra de Lalín ou podemos utilizar as ferramentas que temos aquí. Nós propoñemos solucións que dependen do Concello”, afirmou.
A candidata sinalou a escaseza actual de oferta con menos de 10 vivendas en alugueiro en Lalín actualmente e con prezos desde os 600 euros, contrapoñendo a que a propia Axenda Urbana cifra en case o 30% a porcentaxe de vivenda baleira no municipio. “Hai vivendas baleiras e hai xente buscando casa. O Concello ten que actuar para intentar que parte desas vivendas volvan ao mercado”, sostivo Forno.
PUBLICIDADE
A candidata lembrou que esa é precisamente a finalidade de Lalín Aluga, o programa municipal que, co concello de intermediario, ofrece garantías aos propietarios que incorporen vivendas ao alugueiro: seguro de impago e danos, estudo de solvencia, acompañamento, incentivos fiscais e axudas para acondicionar inmobles.
Forno non cuestionou as 32 novas vivendas pero defendeu que a xente precisa solucións urxentes e “porque mentres non se constrúen, desde Lalín podemos facer cousas desde o primeiro día.”
PUBLICIDADE
“Para quedar en Lalín hai que poder vivir en Lalín. A nosa proposta é que o Concello deixe de ser un espectador e empece a utilizar as ferramentas que ten”, concluíu.









Comentarios