Recórdalle ao alcalde "que un tribunal de oposicións é un órgano público cuxa responsabilidade é máxima, e salvo contadas e moi xustificadas ocasións, un membro dun tribunal non pode renunciar a formar parte do mesmo"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O voceiro do BNG de Vila de Cruces, Álex Fiuza, denuncia a "incompetencia" do alcalde, Luis Taboada, "para seguir co proceso selectivo da bolsa de traballo para nomeamentos interinos para a administración xeral". Esixe as actas das sesión convocadas polo tribunal nas que consten as deliberacións e manifestación emitidas polos membros do tribunal e os resultados da votación, con indicación do voto emitido por cada membro.
Recórdalle ao alcalde "que un tribunal de oposicións é un órgano público cuxa responsabilidade é máxima, e salvo contadas e moi xustificadas ocasións, un membro dun tribunal non pode renunciar a formar parte do mesmo se resulta escollido e menos no medio dun proceso de selección, como é o caso de Vila de Cruces".
Asegura que este mércores 18 de xaneiro "volvía a suspenderse por decreto de alcaldía a segunda convocatoria da segunda proba do proceso selectivo, para a creación dunha bolsa de emprego temporal administrativo. Esta proba xa foi suspendida no mes de decembro, á cal optan preto de 20 persoas que superaron o primeiro exame. Máis de 30
persoas se inscribiron a esta convocatoria pagando unha taxa de 16 euros. Agora as aspirantes a esa bolsa, ven por segunda vez, como o seus cartos e o tempo empregado
para a preparación do proceso, foi tirado por terra debido á mala xestión por parte do alcalde Luis Taboada. Despois de ter presentada a renuncia o presidente Javier Castelo e
o secretario Rafael López, funcionarios do concello de Vila de Cruces, e a suplente de dito tribunal, funcionaria do concello de Antas de Ulla, María Carmen Pérez, o goberno non ten a capacidade de crear un novo tribunal, con persoal do propio concello, para non paralizar o proceso", denuncia o BNG.
Así mesmo, engade que "é alarmante e moi curioso que neste tribunal un dos membros sexa funcionaria do concello de Antas, en lugar de ser persoal do propio concello, dun concello limítrofe da provincia, ou mesmo da deputación de Pontevedra" e o BNG preguúntalle ao mandatario "cal é o vínculo que une a Luis Taboada co concello de Antas de Ulla. Tamén cuestionamos cal é o motivo polo que Taboada suspende o proceso en lugar de procurar unha solución".
E así mesmo, sinala que "queremos lembrar que esta bolsa foi convocada no mes de marzo de 2022, a cal quedou baleira trala renuncia das persoas que aprobaran o proceso selectivo. E desta segunda volta queda suspendida por motivos sen xustificar. Unha das prazas que corre presa cubrir dende hai máis dun ano, é a de auxiliar administrativo de intervención, a cal recurrentemente a interventora, recorda en todos os seus informes como un reparo pola falta de persoal para mellorar e axilizar o traballo nesta área. Dende o BNG sospeitamos que esta suspensión é debida a que no caso de incorporarse persoal a este posto, o alcalde teña moi difícil xustificar o mantemento, con cartos públicos, os amigos da asesoría financieira externa que cobran máis de 18.000 euros ao ano".
Comments