top of page

FEGADACE e o Concello de Lalín organizan o ciclo ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’

A iniciativa, enmarcada no convenio colaboración existente entre ambas entidades,

desenvolverase do 25 de xuño ao 3 de xullo en distintos espazos do municipio de Deza


Laura Moure/IsmaelRS/Lalín

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e o Concello de Lalín presentaron este mércores o ciclo de actividades ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’, unha iniciativa orientada a concienciar á poboación lalinense sobre a casuística, dimensión e prevención desta discapacidade, provocada fundamentalmente por ictus e traumatismos cranioencefálicos. A programación, enmarcada no convenio de colaboración existente desde 2021 entre ambas entidades, combina accións informativas, formativas e deportivas que se desenvolverán entre o 25 de xuño e o 3 de xullo en distintas localización da capital do Deza. No acto participaron o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández Pintor; a concelleira de Política Social, Carmen Canda; e Hernán García, coordinador da 3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando polo dano cerebral’, a principal actividade que integra a programación. Ademais, tamén asistiu o concelleiro de Deportes, Avelino Souto

Souto, Canda, Fernández e García durante a presentación. Autor: Ecos da Comarca.

Durante a rolda de prensa de presentación da proposta, Luciano Fernández Pintor, presidente da Federación, agradeceu a colaboración do consistorio e sinalou a necesidade de que todas as administracións se involucren na loita contra o descoñecemento desta súbita lesión cerebral, tanto desde a prevención como mediante a prestación de recursos de atención de calidade e suficientes.


O representante de FEGADACE sinalou que “a información, a capacitación e a promoción de hábitos de vida saudables son os mellores aliados para reducir a incidencia do dano cerebral” e lembrou que os máis de 7.000 novos casos de ictus que se rexistran cada ano en Galicia exemplifican que se trata dun “reto para a saúde pública de primeiro nivel”.


Pola súa banda, a concelleira de Política Social do Concello de Lalín, Carmen Canda, agradeceu a FEGADACE a súa contribución para a concienciación da veciñanza do municipio e destacou o carácter dinamizador da programación para a vida da vila.

Actividades para todos os públicos

O ciclo de actividades, desenvolto con financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF, pretende achegar a realidade do dano cerebral desde diferentes dimensións.


A programación arranca o 25 de xuño ás 16:30 h no Edificio Polivalente Manuel Rivero coa

sesión informativa ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’. A charla, destinada a público xeral, estará centrada na prevención da discapacidade a través da abordaxe das causas, os factores de risco, os signos e síntomas de alarma e as pautas de actuación ante a súa aparición, ademais de ofrecer información sobre os recursos de atención sociosanitarios dispoñibles na contorna.


O venres 28 de xuño, ás 16:30 horas, tamén no Edificio Polivalente Manuel Rivero, celébrase unha sesión informativa centrada en materia xurídica coa presentación da ‘Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido. Aproximación á lei 8/2021 e a outras normativas de interese para o colectivo". .A actividade, dirixida tanto a profesionais do ámbito dos servizos sociais como a persoas e familias con dano cerebral, estará impartida por Miguel Vieito, avogado e responsable do servizo de asesoramento legal da Federación. Vieito detallará os cambios introducidos pola Lei 8/2021 e outras normativas na lexislación civil e procesual que afectan ao exercicio da capacidade xurídica das persoas con discapacidade


O día 30 de xuño celebrarase a 3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’, a actividade central da programación, e o 3 de xullo realizarase o obradoiro de sensibilización para público infantil Os Bolechas; no marco do Servizo Concilia do Concello de Lalín.


Publicidade

Finalmente, están previstas tres sesións do obradoiro ‘Autocoidados para mulleres coidadoras’, especialmente dirixido a quen presta coidados informais no ámbito do dano

cerebral e deseñada co fin de facilitar información e pautas que axuden a exercer este rol sen desatender a atención á propia saúde. A actividade terá lugar o 26 de xuño ás 16:30 horas no Local Social de Vilatuxe, o 2 de xullo ás 16:30 horas no Local Social de Goiás, e o 3 de xullo ás 16:30 horas no Local Social de Cercio.


As persoas interesadas en inscribirse en calquera das actividades poden facelo de forma

gratuíta no teléfono 689 083 144 e de maneira presencial na área de Servizos Sociais do

Concello de Lalín .


3ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral

Unha das grandes citas da programación é a terceira edición da carreira e andaina solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’. A xornada deportiva, realizada baixo a coordinación do Centro ET Encuentra Tu Potencial e Champion Chip Norte, celebrarase o domingo 30 de xuño desde as 9:00 horas na praza de Galicia, onde se situará o arco de saída e meta das distintas modalidades. As probas, con percorridos accesibles e diferentes distancias a realizar, son:

  • Carreira de 5 km e 10 km: persoas adultas e categoría Sub16 no caso dos 5km.

  •  Carreiras escolares: cativada menor de 14 anos e nada en 2017 e anos posteriores.

Ademais, as nenas e nenos que o desexen poderán participar no obradoiro ‘Fast Heroes’, unha actividade lúdica para sensibilizar a poboación escolar na prevención do ictus.

  • Andaina de 7 km: aberta a participación de persoas de todas as idades.


Publicidade

A inscrición está aberta até o 27 de xuño ás 23:59 horas na páxina web de Champion Chip Norte  onde tamén se pode consultar o regulamento da proba. O custo por participar varía en función da modalidade, pero todos os fondos recadados estarán destinados a financiar a organización da actividade e a desenvolver as distintas liñas de actuación da Federación para a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral.


Nese senso, as persoas que non poidan asistir á proba poden realizar unha doazón na modalidade ‘Dorsal 0’ ou, en caso de ser unha empresa ou entidade, colaborar a través dun patrocinio. Até o de agora, a xornada conta co apoio de GSI Dotación Industrial, Kalekói, Autobuses Rías Baixas, Eroski, Global Develop Event Service, Piscofino Gourmet, MOVE Centro de Saúde e Movemento, Daveiga e Clube Ciclista Montes do Deza.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page