Falece Roberto José Rivas Martínez, unha persoa a que Silleda lle debe tanto
- ecosdacomarca

- 18 mar 2023
- 2 Min. de lectura
“Era unha gran persoa, un gran home, que sempre estaba disposto a axudar, un silledense ilustre co que sempre estaremos en débeda”, subliña o alcalde silledense
Laura Moure/Silleda
Silleda vén de perder a un dos seus grandes benefactores. Esta mañá coñecíase o pasamento de D. Roberto José Rivas Martínez en Madrid, cidade na que exerceu durante anos como avogado e empresario de éxito. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, amosa en nome de toda a veciñanza de Silleda “ o noso máis sinceiro e profundo pesar pola morte dun home que tiña sempre presente a Silleda nos seus pensamentos e accións”.

Nado en 1941 na casa familiar de Santiago, Don Roberto era propietario do pazo de Sestelo, en Siador, parroquia na que deixa unha fonda pegada. Gran benefactor do santuario da Saleta, que promoveu o seu tataravó Francisco María Rivas en 1863, era ademais o presidente da fundación que leva o seu nome e que se estrenou con gran éxito en Silleda promovendo o emprendemento no rural.
“Silleda débelle moito a este gran mecenas”, sinala o alcalde, “xa que ademais da súa fonda pegada no seu querido Siador, tamén colaborou moi estreitamente en distintas iniciativas de carácter social e cultural”. Así, Cuiña lembra que no ano 2013, Roberto Rivas cedeu ao arquivo provincial, a través do Concello, documentos notariais antigos con
abondantes datos da historia do municipio, e foi o grande abandeirado da exitosa mostra “Silleda no século XIX” organizada dende o Concello.
“Era unha gran persoa, un gran home, que sempre estaba disposto a axudar, un silledense ilustre co que sempre estaremos en débeda”, engade Cuiña.
Na súa dilatada traxectoria profesional foi tamén vicepresidente da Comisión de Automática do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e socio fundador, vicepresidente e socio de honra da Asociación Española de Información e Automática, entre outros. O seu mecenazgo valeulle a don Roberto numerosos recoñecementos nos últimos anos.
Casado con Dona Eugenia Espinosa de los Monteros, Don Roberto financiou numerosas iniciativas de índole sociocultural. Entre elas figura tamén o monumento conmemorativo da batalla de Ponteledesma, xa que era tamén descendente de José María Rivas y Taboada, xuiz corrixidor que coordinou as tropas labregas da Xunta de Trasdeza que en 1809 se
enfrontaron alía o exército de Napoleón.
Está previsto que os seus restos cheguen mañá a Siador, á capela do pazo de Sestelo, para a posterior celebración do funeral no santuario da Saleta do seu querido Siador, ás 17:30 horas.








Comentarios