Falece en Melide aos 46 anos Lourdes Piñeiro Torres, Lourdes do Froiz, unha muller cunha luz especial
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
Melide está de loito polo falecemento de Lourdes Piñeiro Torres, Lourdes do Froiz, veciña moi coñecida e apreciada da localidade, que morreu aos 46 anos tras unha longa e dura loita contra o cancro.
PUBLICIDADE
A noticia causou unha profunda conmoción entre familiares, amizades, compañeiros de traballo e numerosos clientes do Froiz que a coñeceron ao longo dos anos neste supermercado onde desenvolveu a súa actividade profesional. A súa amabilidade, cercanía e disposición para axudar convertérona nunha persoa moi querida por varias xeracións de melidenses, que atopaban nela sempre un sorriso e unha palabra amable.

O pasado mes de febreiro, vivíu directamente o cariño de moita xente cando recibíu o Premio “Mulleres con Luz”, un galardón que lle entregou a Asociación de Mulleres Rurais Alecrín. Hoxe mesmo, este colectivo melidense mostrou o pesar polo pasamento de Lourdes: "Hoxe dóenos despedir a Lourdes, unha muller cunha luz especial que enchía de vida a asociación. Entre fíos e labores de ganchillo, deixou moito máis ca aprendizaxes: deixou agarimo, amigas, conversa, sorrisos e un exemplo de forza que nunca esqueceremos. As súas mans tecían amizade e facían sentir fogar a quen tiña ao seu carón. Botarémoste moitísimo de menos, amiga Lourdes. A túa luz quedará para sempre entre nós. Un gran abrazo a súa familia".
PUBLICIDADE
Nas últimas horas, as mostras de pesar e afecto multiplicáronse nas redes sociais e entre a comunidade local, onde numerosas persoas queren expresar o seu apoio á familia, en especial ao seu home, aos seus dous fillos e a súa nai, e lembrar a pegada que deixa na vila. Lourdes está sendo velada no tanatorio municipal de Melide na Sala nº 1 e a saída será hoxe, venres 22 de maio, ás 20:30 horas coa posterior misa e de seguido, terá lugar cremación na intimidade familiar. (https://funerariavizcaino.com/esquela/dona-lourdes-pineiro-torres/rJ+l)
O seu falecemento supón unha fonda perda para Melide, que despide a unha muller traballadora, loitadora e moi estimada por todos aqueles que tiveron a sorte de coñecela.








Comentarios