Falece Alberto Buján Mosteiro, un referente da hostalaría de Melide
- ecosdacomarca

- 26 jun
- 1 min de lectura
Actualizado: 27 jun
Ecos da Comarca/Melide/Toques
As comarcas están conmocionadas tras coñecerse o repentino falecemento de Alberto Buján Mosteiro, un dos hostaleiros máis coñecidos de Melide. Rexentaba dende hai anos a viñoteca A Boa Viña e a gastroteca A Boa Vida, locais situados na Zona dos Viños de Melide. Tamén durante anos estivo á fronte do pub Kmais desta localidade.

Buján, natural de Toques, falecía este venres sobre as 8 da tarde de maneira repentina nun dos seus locais. Foi mobilizado ata o punto o helicóptero do 061, pero desgraciadamente, non foi posible salvarlle a vida.
A súa marcha deixa un fondo baleiro entre familiares, amizades, clientes e todas aquelas persoas que, ao longo dos anos, compartiron con el innumerables momentos nos seus establecementos. Alberto converteu os seus negocios en auténticos puntos de encontro, onde a profesionalidade, a cercanía e o trato humano eran a súa principal carta de presentación.
PUBLICIDADE
Máis alá da súa faceta profesional, será lembrado como unha persoa traballadora, xenerosa e comprometida coa vida social da comarca, sempre disposta a colaborar nas iniciativas locais e a tender unha man cando era necesario. Cabe mencionar que presidiu a asociación Melide Móvese, que integraban os distintos pubs, e estivo á fronte durante anos da organización das festas do San Roque melidense.
PUBLICIDADE
Desde ECOS DA COMARCA queremos trasladar o noso máis fondo pesar á súa familia, amizades e persoas achegadas. D.E.P. Alberto.








Comentarios